A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación reserva dous millóns de euros a esta convocatoria de concorrencia non competitiva.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, abre hoxe o prazo para solicitar as axudas de autoconsumo dirixidas a particulares. En total resérvanse 2 M€ para proxectos de fotovoltaica a través dunha convocatoria de concorrencia non competitiva. A contía dos apoios será dun 50% cun máximo de 25.000 euros por proxecto colectivo. Establécese unha axuda máxima por vivenda de 4000 euros que pode incrementarse ata os 5550 euros no caso de que se instalen baterías de litio. Espérase mobilizar 4,5 M€, aforrar 250.000 euros anuais, e 1750 MWh ano, así como reducir as emisións en 600 toneladas de CO2 ao ano.

Ademais, desde o luns está aberto o prazo tamén para a convocatoria de axudas para a instalación de proxectos de renovables térmicas (biomasa, geotermia, aerotermia e solar térmica) á que se destinan 3,1 M€. A contía destas axudas de concorrencia non competitiva será do 50%, excepto no caso da aerotermia que será do 30%, cun máximo de 60.000 euros no caso de axudas para comunidades de veciños. Prevese mobilizar 9 M€ e aforrar 650.000 euros anuais, ademais de reducir as emisións en 5000 toneladas de CO2 ao ano.

Con estas dúas liñas de axudas a Xunta pretende chegar a 1600 fogares galegos. En total, destínanse 5,1 M€ coa previsión de mobilizar 13,5 millóns de investimento público-privado, xerar aforros económicos de 900.000 euros anuais nas facturas enerxéticas e aforros de enerxía de 18.500 MWh ao ano, reducir 5600 toneladas de emisións de CO2 –o equivalente á acción de 250.000 árbores– e crear 140 postos de traballo.

No caso das dúas convocatorias, as solicitudes deberán presentarse a través das entidades colaboradoras por vía telemática. Os particulares terán o prazo aberto, para as dúas liñas, ata o 1 de xullo e a data límite de execución e xustificación será o 30 de setembro.

Fonte: Xunta de Galicia