O uso da biomasa en instalacións deportivas permite un aforro anual de até o 50%
Oleiros (A Coruña), 14 de outubro de 2022. Dar a coñecer os beneficios que a biomasa ofrece aos recintos deportivos e difundir as axudas públicas dispoñibles para o uso desta enerxía. Ese foi o obxectivo da xornada Uso de biomasa en instalacións deportivas, organizada polo Clúster da Biomasa de Galicia e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, unha sesión informativa que se celebrou na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, en Oleiros (A Coruña).
“A actual situación enerxética preocúpanos a todos e as instalacións deportivas non son alleas a esta realidade”, sinalou o presidente do Clúster da Biomasa de Galicia. Neste sentido, Francisco Álvarez apuntou que “as solucións que ofrece a biomasa, sobre todo a través dos pellets e a acha, contribúen a mellorar a eficiencia das instalacións deportivas, permiten aforros anuais de até o 50% e tamén contribúen a lograr a neutralidade climática”. Por outra banda, o presidente do Clúster da Biomasa de Galicia fixo fincapé en que “este tipo de enerxía é o motor para xerar postos de traballo nas contornas rurais”.
Á xornada de hoxe, financiada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), asistiu tamén a xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Sofía Toro: “o noso sector viuse moi prexudicado polos peches de instalacións durante a pandemia”, subliñou Sofía Toro, “e agora coa subida dos custos da enerxía, hai recintos deportivos en situación crítica, cuns gastos que son inasumibles. Por iso, desde o Clúster reivindicamos a necesidade de axudas específicas que nos permitan reactivar o sector do deporte”.
A aposta pola eficiencia enerxética, o camiño dos Concellos
Actualmente en Galicia un 24% das piscinas deportivas empregan a biomasa como fonte de enerxía. Con todo, na xornada celebrada hoxe na localidade coruñesa de Oleiros participaron varios xestores das piscinas públicas e todos eles coinciden en reclamar a implicación das administracións locais para que “aumenten a súa aposta pola eficiencia enerxética”.
Neste sentido, varios relatores destacaron que existen experiencias positivas de instalacións deportivas que empregan a biomasa para quentarse, unha saída que permitiu importantes aforros desde o ano 2015.
Máis información:
Área de Comunicación – Noelia Fernández
Teléfono 610 17 43 88