O sistema de Certificados de Aforro Enerxético consolídase como ferramenta clave para a eficiencia e a descarbonización en Galicia

O Clúster da Biomasa de Galicia participou na xornada técnica sobre o sistema de Certificados de Aforro Enerxético (CAE), organizada pola Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), na que se analizou o papel deste instrumento como mecanismo estratéxico para a monetización dos aforros enerxéticos e o impulso de proxectos de eficiencia e descarbonización nos sectores industrial, terciario e público.

Durante a xornada púxose de manifesto a relevancia do sistema CAE como vía para recoñecer e valorizar actuacións de mellora enerxética, contribuíndo á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e ao avance cara a un modelo enerxético máis sostible e competitivo. Neste contexto, destacouse tamén o potencial da biomasa como solución renovable clave dentro das estratexias de eficiencia enerxética promovidas en Galicia.

No panel dedicado ao ámbito industrial, o Clúster da Biomasa de Galicia participou a través do seu asociado CEAMSA, que expuxo a súa experiencia na implantación dunha caldeira de biomasa. Este caso práctico exemplificou como o sistema CAE permite valorizar investimentos en tecnoloxías eficientes, reducir emisións de CO₂ e xerar aforros económicos significativos para as empresas.

Segundo os datos presentados durante a xornada, o impacto do sistema CAE en Galicia tradúcese en 552 GWh de aforro enerxético anual, o que representa máis do 6,2 % do consumo eléctrico anual da comunidade, así como na evitación de preto de 170.000 toneladas de CO₂. Ademais, estímase un aforro de 85 millóns de euros nas facturas enerxéticas e a xeración de máis de 73 millóns de euros no mercado CAE.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia valóranse moi positivamente este tipo de iniciativas, que contribúen a acelerar a transición enerxética, fomentar a eficiencia e reforzar o papel da biomasa como solución sostible e estratéxica para a industria galega, en consonancia cos obxectivos climáticos e de desenvolvemento económico de Galicia.