O Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) publica a segunda convocatoria de axudas para o desenvolvemento de redes de calor e frío alimentadas con enerxías renovables, unha oportunidade estratéxica para o sector da biomasa.
A convocatoria, aprobada polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) a través do programa RENORED, conta cun orzamento total de 50 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (fondos NextGenerationEU), e ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética, reducir a dependencia de combustibles fósiles e diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro no sector residencial e nas infraestruturas públicas.
Principais características da convocatoria
As axudas están dirixidas a proxectos de redes de calor e frío cunha potencia mínima de 1 MW, incluíndo:
- Novas centrais de xeración e novas redes de distribución
- Ampliacións ou substitucións de centrais existentes
- Ampliacións de redes e novas conexións
Será obrigatorio o uso exclusivo de fontes renovables, como a biomasa, quedando excluídos os proxectos que empreguen combustibles fósiles na rede.
A convocatoria estrutúrase en dous programas:
- Programa 1 (actividade económica): 40 millóns de euros, con intensidade de axuda do 35 %
- Programa 2 (sen actividade económica): 10 millóns de euros, con intensidade de axuda do 70 %
Estas porcentaxes poderán incrementarse no caso de pequenas e medianas empresas e para proxectos situados en zonas de reto demográfico ou transición xusta. O límite máximo de axuda por proxecto é de 15 millóns de euros, cun investimento mínimo de 450.000 euros.
Criterios de valoración e prazos
As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, valorándose especialmente:
- O criterio económico (70 %)
- O tamaño da empresa (10 %)
- A localización en zonas de reto demográfico ou transición xusta (10 %)
- O subministro de calor a barrios vulnerables (10 %)
O prazo de presentación de solicitudes abrirase o 21 de xaneiro de 2026 ás 9:00 h e pecharase o 27 de febreiro de 2026 ás 13:00 h. As instalacións deberán estar executadas antes do 30 de xuño de 2029.
Desde o Clúster da Biomasa de Galicia considérase que esta convocatoria representa unha gran oportunidade para impulsar proxectos de redes de calor con biomasa, especialmente en concellos e ámbitos nos que a enerxía de proximidade pode xerar beneficios ambientais, económicos e sociais no territorio. O Clúster analizará os detalles da convocatoria e informará aos axentes interesados.


