A feira forestal Galiforest Abanca, acolleu o 28 de xuño de 2024, no Centro de Formación y Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), unha xornada sobre a certificación da sostibilidade da biomasa e a celebración da primeira edición dos Premios Biomasa Galega, dous eventos que tiveron unha gran acollida entre os asistentes á feira e que fixeron que a biomasa fose a gran protagonista do día.
Certificación da Sostibilidade da Biomasa
No marco de Galiforest Abanca, a Asociación Española de la Biomasa (AVEBIOM) e o Clúster da Biomasa de Galicia organizaron unha xornada dedicada á certificación da sostibilidade da biomasa, que sirveu como antesala á primeira edición dos Premios Biomasa Galega.
Este evento tivo como obxectivo informar sobre SURE, o sistema europeo líder en certificación da sostibilidade da biomasa, e mostrar exemplos prácticos da súa implantación en diferentes tipos de empresas do sector. Así, Pablo Rodero, responsable de certificación de AVEBIOM, explicou no marco legal europeo relativo á sostibilidade da biomasa e os detalles do esquema SURE.
Ademais, tres empresas certificadas con SURE compartiron as súas experiencias: Santiago Monteiro de Biomasas Forestales del Cantábrico, Francisco Álvarez de Ecowarm, e Mauro Coucheiro de Greenalia. Esta charla resultou unha boa oportunidade para que os profesionais do sector coñeceran os requisitos e beneficios desta certificación.
Premios Biomasa Galega 2024
Seguindo o fío da xornada, o espazo da Axencia Galega da Industria forestal en Galiforest Abanca tamén foi o escenario da primeira edición dos Premios Biomasa Galega, organizados polo Clúster da Biomasa de Galicia. Uns galardóns que recoñecen a persoas e entidades que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento e promoción da biomasa na nosa comunidade autónoma.
Neste acto, que inaugurou o presidente do Clúster, Francisco Álvarez, entregáronse os seguintes recoñecementos:
🔸 Premio á Traxectoria Investigadora na Biomasa: Luís Ortiz Torres, catedrático da Universidade de Vigo e pioneiro en estudos de densificación da biomasa.
🔸 Premio á Descarbonización da Industria Agrogandeira: Nutrimentos Deza S.A. (Nudesa) polo seu compromiso coa sostibilidade, substituíndo combustibles fósiles por biomasa.
🔸 Premio á Descarbonización da Industria Alimentaria: Compañía Española de Algas Marinas (Ceamsa) polo uso da biomasa para reducir emisións enerxéticas.
🔸 Premio á Traxectoria Empresarial no Campo da Calefacción e a Biomasa: José Carlos Alonso de Ecoforest, pola súa contribución ao sector da calefacción con biomasa.
🔸 Premio á Aposta pola Biomasa na Administración Local: Concello de Portas, pola súa xestión innovadora e ecolóxica de recursos enerxéticos.
🔸 Premio á Aposta pola Biomasa na Administración Autonómica: Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) pola promoción da biomasa en proxectos de eficiencia enerxética e neutralidade climática.
🔸 Recoñecemento e Presidencia Honorífica do Clúster da Biomasa: José Ignacio Lema Piñeiro polo seu impulso e dedicación ao clúster e ao sector da biomasa.
Para finalizar o acto, o Clúster da Biomasa quixo recoñecer tamén o traballo que se leva desenvolvendo nos últimos anos a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), entregando os últimos galardóns ao seu actual director, Jacobo Aboal, así como a Mercedes Rois, directora da Área de Innovación forestal, e a Isabel Puentes, da Área de Promoción e Calidade Forestal.