O Clúster impulsa a dixitalización do sector con un obradoiro práctico baseado en casos de éxito e metodoloxía Design Thinking

O Clúster da Biomasa de Galicia organiza o vindeiro 9 de abril un novo obradoiro centrado na transformación dixital aplicada ao sector, no marco do ciclo de obradoiros de dixitalización e industria verde impulsado pola entidade.

A xornada, que terá lugar no Centro GaiasTech da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), estará orientada a ofrecer unha visión práctica sobre como incorporar ferramentas dixitais nos procesos empresariais, combinando relatorios técnicos, casos de éxito e dinámicas participativas.

O programa contará coa participación de profesionais de referencia de entidades como Kaizen Institute, Vagalume Biomasa ou o Clúster TIC Galicia. Entre os relatores destacan Iván Fernández Aguayo, manager de Kaizen Institute Western Europe; Francisco Javier Álvarez, director de Vagalume Biomasa; Catarina Ferreira, IT Manager en Analytics en Kaizen Institute; e Andrés Sastre Portela, director de proxectos do Clúster TIC Galicia.

Ao longo da xornada abordaranse cuestións clave como a transformación dixital como panca de competitividade, o uso de ferramentas colaborativas para a mellora da produtividade e a trazabilidade nos procesos, así como a aplicación de metodoloxías orientadas á optimización empresarial.

Un dos elementos centrais do obradoiro será a dinámica grupal baseada en Design Thinking, na que as persoas participantes poderán traballar sobre retos reais do sector e explorar solucións a través da dixitalización dos procesos e da xestión interna das empresas.

A xornada completarase cun espazo de networking e intercambio de experiencias entre empresas e profesionais, favorecendo a xeración de sinerxías dentro do sector.

Este obradoiro forma parte dun ciclo máis amplo impulsado polo Clúster, que inclúe unha segunda sesión centrada na industria verde e nas tecnoloxías ambientais aplicadas ao sector da biomasa.

A participación é gratuíta, previa inscrición.