A segunda edición do Curso de QGIS e LiDAR para a industria forestal, celebrada os días 15, 16 e 23 de maio na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, pechouse cun balance moi positivo tanto por parte do alumnado como do equipo docente.
Esta formación, promovida polo Clúster da Biomasa de Galicia en colaboración coa Asociación BIOECO2 e co-financiada por XERA – Axencia Galega da Industria Forestal, forma parte do compromiso destas entidades co impulso da profesionalización e mellora continua da cadea de valor forestal, especialmente a través da incorporación de competencias dixitais e tecnoloxías avanzadas.
Durante as tres xornadas, os participantes puideron achegarse ao manexo práctico dos Sistemas de Información Xeográfica (QGIS) e da tecnoloxía LiDAR, ferramentas clave para a xestión forestal moderna. A formación abordou temas como o procesamento de datos xeoespaciais, o uso de fontes de datos institucionais, a análise vectorial, o filtrado LiDAR e a elaboración de mapas temáticos.
O curso contou cun enfoque teórico-práctico e foi impartido por dous profesionais de referencia en xeomática e tecnoloxías ambientais:
- Jaime Boo, enxeñeiro en Xeomática e piloto de dron en 3EDATA Ingeniería Ambiental
- Yago Alonso Fernández, técnico experto en programación e xestión de GIS tamén en 3EDATA
Desde o Clúster da Biomasa, agradecemos a confianza do alumnado participante, a colaboración da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra pola cesión das instalacións, e o traballo dos docentes, cuxo labor foi clave para o éxito da formación. Iniciativas como esta permiten avanzar cara a un sector forestal máis dixitalizado, sostible e competitivo.
Podes ver máis sobre esta actividade e outras accións formativas no apartado de formacións.


