O Clúster da Biomasa e o INEGA lanzan a campaña #QuéntaseConBiomasa para visibilizar instalacións sostibles en Galicia

O Clúster da Biomasa de Galicia e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) poñen en marcha a campaña #QuéntaseConBiomasa, unha iniciativa destinada a dar a coñecer instalacións reais que están a impulsar un modelo enerxético máis sostible, eficiente e galego en diferentes puntos da Comunidade.

A campaña nace no marco dun convenio de colaboración entre ambas entidades, co obxectivo de achegar á cidadanía, empresas e administracións exemplos prácticos do potencial da biomasa como solución térmica renovable en múltiples tipoloxías de edificios: desde oficinas e centros educativos, ata instalacións industriais, infraestruturas municipais ou redes de calor.

Poñer en valor a transición enerxética que xa está en marcha en Galicia

A través desta acción divulgativa, o Clúster e o INEGA buscan reforzar a mensaxe de que a biomasa é unha tecnoloxía madura, accesible e de proximidade, que contribúe á descarbonización, á activación do rural e á mellora da xestión forestal, favorecendo a limpeza dos montes e reducindo o risco de incendios.

Cada exemplo compartido na campaña #QuéntaseConBiomasa amosa instalacións que destacan pola súa eficiencia, estabilidade de funcionamento e capacidade para reducir custos operativos e dependencias de combustibles fósiles. Ademais, poñen en valor o papel clave do sector galego da biomasa, cada vez máis profesionalizado e con maior capacidade produtiva.

Un percorrido polos casos de éxito que xa funcionan na Comunidade

Ao longo das próximas semanas, a campaña divulgará diferentes proxectos implantados en Galicia que apostan pola biomasa como fonte térmica principal. O obxectivo é achegar información veraz e contrastada sobre o funcionamento destas instalacións, os seus beneficios e o impacto positivo que xeran no territorio.

Con esta iniciativa, o Clúster da Biomasa de Galicia e o INEGA reafirmaran a súa aposta por un modelo enerxético sustentable baseado en recursos locais, impulsando a economía circular e promovendo que cada vez máis entidades coñezan e valoren esta alternativa renovable.