O Clúster da Biomasa de Galicia visibiliza o potencial do sector galego en Expobiomasa 2025

A participación en Expobiomasa 2025 consolida o compromiso do Clúster coa innovación, a profesionalización e a sustentabilidade da cadea de valor da biomasa en Galicia.

O Clúster da Biomasa de Galicia participou activamente na última edición de Expobiomasa, a feira de referencia do sector bioenerxético, celebrada en Valladolid. A presenza galega destacou polo seu compromiso coa profesionalización, a innovación tecnolóxica e a posta en valor da biomasa como motor de desenvolvemento sostible.

Durante tres días, o evento reuniu a máis de 400 empresas, entre fabricantes de estufas e caldeiras, enxeñarías, provedores de maquinaria forestal e compañías especializadas na valorización de subprodutos agroganadeiros. O Clúster e as empresas asociadas presentes na feira (Bioforestal Pellets, ÖkoFEN, Termosun, Bioforga, Ecoforest, Dinak) puxeron en valor proxectos innovadores e solucións reais para avanzar cara a unha economía máis verde e con soberanía enerxética.

“A biomasa é unha solución dispoñible, que xera emprego local e permite reducir emisións, especialmente no ámbito industrial e nas redes de calor”, subliñou Javier Díaz, presidente de AVEBIOM, na apertura da feira, acompañado por representantes institucionais da Xunta de Castela e León e o IDAE.

A participación do Clúster permitiu estreitar lazos con entidades e institucións de todo o Estado e presentar o traballo que se está a desenvolver en Galicia para impulsar un sector máis competitivo, sustentable e aliñado coa normativa europea.

As xornadas técnicas abordaron temas de actualidade como:

  • A recuperación do mercado do pellet tras a crise enerxética.

  • O avance das redes de calor renovables.

  • Os novos requisitos normativos europeos en materia de sustentabilidade e certificación.

  • A coxeneración con biomasa como tecnoloxía clave para a estabilidade do sistema eléctrico e a eficiencia enerxética industrial.

Ademais, nesta edición presentouse oficialmente a exposición itinerante Biomasa en tu casa, promovida por AVEBIOM, co obxectivo de achegar á cidadanía os beneficios dunha enerxía renovable, local e accesible que xa está mellorando a vida de miles de fogares.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia destacaron a importancia de estar presentes en espazos como Expobiomasa, que permiten reforzar a colaboración público-privada, identificar novas oportunidades de negocio e dar visibilidade ao ecosistema galego da biomasa, clave para a transición enerxética xusta e o futuro do monte galego.