O encontro, celebrado no marco de Enerxétika 2026, abordou os principais retos e oportunidades do sector a través de tres bloques temáticos e concluíu coa entrega dos galardóns do sector en Galicia
O Clúster da Biomasa de Galicia celebrou o VI Foro da Biomasa Galega no marco da feira Enerxétika 2026, consolidando este encontro como un espazo de referencia para a análise e reflexión sobre o presente e futuro do sector en Galicia.
A xornada foi inaugurada polo presidente do Clúster, Rubén Mosquera Rodríguez, xunto con Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).
O foro estruturouse en tres bloques temáticos nos que participaron representantes da administración pública, do ámbito académico e do tecido empresarial, abordando distintas perspectivas clave para o desenvolvemento da biomasa en Galicia.
O primeiro bloque estivo centrado na visión da biomasa dende outras comunidades autónomas, con especial atención ao desenvolvemento de redes de calor e ás posibilidades de transferencia de modelos. Neste espazo interviron Mar Pereira, subdirectora de Promoción Internacional e Rural Intelixente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); Emérito Freire, director do Departamento de Coordinación de Eficiencia Enerxética do INEGA; Remei Aldrich, da Deputación de Girona; Juan Jesús Ramos, da Asociación Española da Biomasa (AVEBIOM); e Juan María Sánchez, de Engie-DH Eco Energías.
O segundo bloque abordou o papel da biomasa na redución de emisións e no desenvolvemento do mercado voluntario de créditos de carbono en Galicia. Neste ámbito participaron María Mejuto, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables da Xunta de Galicia; Fernando Vargas, de Foresga; e Ramiro García, de Finsa.
Por último, o terceiro bloque centrouse no aproveitamento e na xestión das masas forestais de Galicia, contando coa participación de Luisa Piñeiro, directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia; Roque Rodríguez, da Universidade de Santiago de Compostela; Hugo Rodríguez, de Ametlam; e Alejandro Oliveros, director de Ordenación Forestal de Ence.
Entrega dos Premios Biomasa Galega
Tras a celebración do foro, tivo lugar a entrega dos Premios Biomasa Galega, cos que o Clúster recoñece o labor de persoas, entidades e institucións que contribúen ao desenvolvemento do sector en Galicia.
Nesta edición, os galardóns outorgáronse nas seguintes categorías:
O premio ao Proxecto sostible en biomasa foi concedido á Comunidade Enerxética (Cooperativa Infesta), sendo entregado polo presidente do Clúster, Rubén Mosquera Rodríguez.
O recoñecemento á Traxectoria profesional no sector recaeu en Gonzalo Piñeiro Veiras, da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), e foi entregado pola vicepresidenta do Clúster, María Vázquez García.
Na categoría de Impulso empresarial en biomasa, o galardón foi para a Fundación San Rosendo, entregado por Alfredo Fernández Ríos, director de Xera.
O premio en Concienciación e Educación foi outorgado a José Antonio Rodríguez Añón, secretario do Máster de Excelencia en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible (MERYCSE), e entregado por Pastor Torres Bargiela, secretario del Clúster de Biomasa de Galicia.
Pola súa parte, o recoñecemento en Compromiso institucional foi concedido ao Sergas, sendo entregado por Norberto Penedo Rey, en representación do IGAPE.
Así mesmo, realizouse un recoñecemento especial a Francisco Javier Álvarez Pereiro pola súa presidencia e polo seu impulso ao Clúster da Biomasa de Galicia.
Con esta xornada, o Clúster da Biomasa de Galicia reforza o seu papel como axente dinamizador do sector, promovendo espazos de encontro que contribúen ao desenvolvemento da biomasa como recurso estratéxico para Galicia.
Actividade financiada polo Igape – Instituto Galego de Promoción Económica, no marco do apoio ás iniciativas dos clusters innovadores que contribúen ao desenvolvemento e á competitividade do tecido empresarial galego.


