O Clúster da Biomasa de Galicia retoma no primeiro trimestre do ano as sesións do Programa de Dixitalización e Automatización con Intelixencia Artificial, unha iniciativa formativa orientada a achegar o potencial da IA ás empresas do sector da biomasa e da cadea forestal-madeira.
O programa continuará cun total de catro sesións presenciais, que se celebrarán entre os meses de xaneiro e marzo en horario de 16:00 a 20:30 horas, mantendo un enfoque práctico e aplicado á realidade empresarial.
Contidos das sesións
A Sesión 4, centrada no deseño de proxectos con IA na empresa, abordará a identificación de procesos automatizables mediante mapas de procesos e ferramentas para priorizar tarefas repetitivas susceptibles de seren automatizadas con IA. Tamén se traballará no deseño básico de fluxos automatizados empregando ferramentas como Zapier, Make ou Power Automate, así como nas boas prácticas relacionadas coa ética da IA, a privacidade, a seguridade e a regulación dos datos. A sesión pecharase cun exercicio práctico orientado á detección de oportunidades reais e á definición de posibles proxectos piloto.
Na Sesión 5, dedicada aos novos avances e tendencias en intelixencia artificial, analizarase o uso da API de OpenAI e o desenvolvemento dun chatbot en WordPress. Ademais, exploraranse outras IAs xenerativas como Perplexity, Copilot, Gemini, Claude, Mistral ou Grok, cun caso práctico de investigación de mercados empregando diferentes modelos de IA, así como a presentación doutras ferramentas de interese.
A Sesión 6 estará enfocada na xeración de contidos multimedia con IA, abordando a creación e edición de imaxes, vídeo e música con ferramentas como Midjourney, Sora, Recraft ou Suno, así como a xeración e edición de audio, locucións, traducións e presentacións dixitais mediante solucións como ElevenLabs, Adobe Podcast, Gamma ou Microsoft Designer.
Con este programa, o Clúster da Biomasa de Galicia reafirma o seu compromiso coa innovación, a dixitalización e a mellora da competitividade das empresas, acompañándoas na incorporación de novas tecnoloxías clave para o futuro do sector.
Máis información:https://clusterbiomasa.gal/programa-de-dixitalizacion-e-automatizacion-con-ia/
Actividade cofinanciada por Axencia Galega da Industria Forestal


