A acción formativa, desenvolvida nas instalacións de Seganosa e cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), permitiu aos profesionais adquirir coñecementos teóricos e prácticos para actuar con seguridade ante situacións de emerxencia nas plantas de biomasa.
A seguridade é un dos piares fundamentais para garantir o correcto funcionamento das instalacións de biomasa e a protección das persoas que desenvolven a súa actividade neste ámbito. Con este obxectivo, o Clúster da Biomasa de Galicia celebrou o curso “Loita contra incendios en instalacións de biomasa. Técnicas de extinción”, unha formación especializada desenvolvida nas instalacións de Seganosa e cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).
A acción formativa reuniu a profesionais de empresas da cadea de valor da biomasa interesados en reforzar as súas competencias en materia de prevención, intervención e resposta ante incendios en contornas industriais, mediante unha metodoloxía que combinou formación teórica e prácticas adaptadas ás necesidades reais do sector.
Ao longo das dúas xornadas, os participantes afondaron no comportamento do lume, os riscos específicos presentes nas instalacións de biomasa, o manexo de equipos de protección individual e de intervención, así como nos protocolos de actuación ante diferentes escenarios de emerxencia.
A formación completouse cun amplo bloque práctico no que os asistentes participaron en simulacións de extinción de incendios, exercicios con diferentes equipos de intervención e prácticas de actuación en escenarios industriais que reproducían situacións reais presentes nas plantas de biomasa.
Este enfoque eminentemente práctico permitiu reforzar a capacidade de resposta dos profesionais, favorecendo a adquisición de coñecementos aplicables ao seu día a día e contribuíndo a mellorar a seguridade das instalacións e dos procesos produtivos.
Desde o Clúster da Biomasa de Galicia queremos agradecer a implicación das empresas participantes, que continúan apostando pola formación especializada como unha ferramenta estratéxica para incrementar a cualificación dos seus equipos e avanzar cara a un sector cada vez máis seguro, profesional e competitivo.
Así mesmo, queremos recoñecer a colaboración de Seganosa, cuxas instalacións e equipo técnico fixeron posible o desenvolvemento dunha formación adaptada ás esixencias do ámbito industrial, así como o apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), que continúa impulsando iniciativas orientadas a fortalecer o coñecemento, a innovación e a competitividade da cadea forestal-madeira galega.
Esta acción formativa forma parte do programa de actividades impulsado polo Clúster da Biomasa de Galicia co apoio de XERA, unha aposta pola capacitación continua dos profesionais como elemento clave para afrontar os retos actuais e futuros do sector da biomasa.








