No marco do seu compromiso coa profesionalización e a mellora continua da cadea de valor do sector da biomasa, o Clúster da Biomasa de Galicia pon en marcha dúas novas accións formativas destinadas a reforzar as competencias técnicas dos profesionais e a impulsar un sector máis competitivo, sostible e aliñado coa normativa vixente.
Formación sobre certificación de leña e acha
Esta actividade formativa en colaboración coa Asociación BIOECO2 ten como obxectivo proporcionar coñecemento especializado sobre os procedementos lexislativos, normativos e técnicos vinculados á certificación da leña e da acha, fundamentais para garantir a calidade da materia prima no sector da biomasa.
Dirixida a empresas do sector forestal e da biomasa, traballadores/as autónomos, axentes técnicos e outros profesionais, esta formación abordará as obrigas legais, os mecanismos de control e as certificacións dispoñibles. Contará coa docencia de Óscar Santaclara Estévez, consultor de referencia no ámbito da normalización e certificación para a industria forestal e da biomasa.
A formación, de 9 horas de duración, celebrarase en formato presencial, con grupos reducidos de ata 20 participantes.
2ª edición do curso de iniciación a QGIS e LiDAR para a industria forestal
Co obxectivo de introducir aos profesionais no uso dos Sistemas de Información Xeográfica e da tecnoloxía LiDAR na xestión forestal, o Clúster lanza a segunda edición desta formación, que contará coa participación de Jaime Boo e Yago Alonso Fernández, expertos en xeomática e teledetección aplicada ao sector forestal.
A formación permitirá aos participantes coñecer as principais fontes de información, traballar con datos xeográficos e realizar análises avanzadas, contribuíndo á optimización da xestión forestal mediante tecnoloxías UAS e LiDAR.
O curso terá unha duración de 12 horas, distribuídas en tres xornadas en formato presencial na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, con prazas limitadas a 20 participantes.
Estas actividades son cofinanciadas pola Axencia Galega da Industria Forestal


