O Clúster da Biomasa de Galicia pecha o seu programa formativo cunha sesión centrada no potencial do biochar e a valorización dos restos forestais

O Clúster da Biomasa de Galicia celebrará proximamente a última sesión do curso “Caracterización de biocombustibles, certificación forestal, dilixencia debida e trazabilidade de produto”, unha formación especializada impulsada coa finalidade de seguir reforzando a capacitación técnica e a profesionalización do sector da biomasa en Galicia.

Esta derradeira xornada estará centrada na caracterización dos biocombustibles e, especialmente, no potencial do biochar como produto vinculado á valorización dos restos forestais e ao aproveitamento sostible dos recursos do territorio.

Durante a sesión abordaranse cuestións relacionadas coas características dos restos forestais en Galicia e as súas condicións como materia prima para a produción de biochar, así como as diferentes metodoloxías existentes para a súa elaboración.

Ademais, a formación permitirá introducir os principais criterios de caracterización e certificación do biochar como ferramenta para garantir a súa calidade e viabilidade comercial, afondando tamén nos seus usos e posibilidades de aplicación en distintos ámbitos.

A xornada incluirá igualmente un espazo de observación de mostras, que permitirá visualizar a diversidade de resultados obtidos segundo a materia prima empregada e os diferentes procesos de produción utilizados.

Con esta sesión, o Clúster da Biomasa de Galicia completa un itinerario formativo orientado a achegar coñecemento técnico e ferramentas prácticas arredor da certificación, a trazabilidade, a calidade e a caracterización dos biocombustibles sólidos.

A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e enmárcase na aposta do Clúster pola formación especializada, a innovación e a mellora da competitividade das empresas galegas vinculadas ao sector da biomasa.