O Clúster da Biomasa de Galicia participará nas Xornadas Técnicas de Expobiomasa 2025

Expobiomasa 2025 reunirá do 6 ao 8 de maio na Feira de Valladolid a máis de 50 expertos e empresas líderes para analizar o papel da biomasa na transición enerxética. O Clúster da Biomasa de Galicia participará activamente neste foro, reforzando o seu compromiso coa descarbonización da economía e coa promoción de solucións bioenerxéticas adaptadas ao territorio.

As xornadas técnicas converteranse nun punto de encontro clave para compartir coñecemento, presentar casos reais e poñer en común avances tecnolóxicos en ámbitos como a produción térmica renovable, a valorización de subprodutos forestais e agrícolas, ou a implantación de redes de calor. O programa inclúe 51 relatorios técnicos e máis de 30 presentacións de empresas expositoras.

A participación do Clúster da Biomasa de Galicia permitirá visibilizar o traballo que se está a desenvolver desde Galicia para impulsar a bioenerxía como vector de crecemento industrial sostible, xerador de emprego local e instrumento clave cara á soberanía enerxética. Ademais, será unha oportunidade para reforzar as relacións con outras entidades nacionais e europeas, identificar sinerxías e avanzar cara á apertura de novos mercados.

O evento está organizado por AVEBIOM e conta coa colaboración de asociacións e entidades de referencia como Bioenergy Europe, BIPS, ADHAC, BIOE, ANESE, o Clúster de Bioenergía de Catalunya e o propio Clúster da Biomasa de Galicia.

A acreditación profesional para asistir ás xornadas é gratuíta e pode realizarse ata o 15 de abril a través da web de Expobiomasa 2025.