O Clúster da Biomasa de Galicia participou onte na mesa de traballo “A ordenación de usos e instrumentos de planificación no rural”, un espazo de análise e reflexión centrado nos principais desafíos da xestión territorial no medio rural galego. O encontro, celebrado no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), foi coordinado polo Laboratorio do Territorio do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela xunto coa Fundación Juana de Vega, e reuniu a persoas expertas e representantes de distintos ámbitos vinculados ao territorio rural.
A participación do Clúster realizouse a través da súa Xunta Directiva, con presenza de Iago Piñeiro Somoza, en liña co seu compromiso cos espazos de reflexión estratéxica que abordan o futuro do medio rural. Durante a xornada púxose de manifesto que o territorio galego experimentou profundas transformacións nas últimas décadas, marcadas pola concentración da poboación, o abandono de amplas zonas rurais e os cambios nos usos do solo, factores que, nun contexto de crecente incerteza climática, económica e social, fan aínda máis urxente avanzar cara a modelos de planificación territorial máis eficaces e coordinados.
Neste contexto, a mesa tivo como obxectivo analizar a situación actual da ordenación de usos no rural, abordando os enfoques existentes, as ferramentas dispoñibles e as súas principais limitacións, así como identificar vías de mellora que permitan avanzar cara a un territorio máis activo, sostible e resiliente. As persoas participantes coincidiron na necesidade de reforzar a planificación estratéxica, mellorar a xestión do territorio e avanzar nunha maior coordinación entre axentes públicos e privados.
Esta sesión forma parte dun ciclo de mesas de traballo que culminará o vindeiro 28 de maio en Santiago de Compostela coa celebración do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa que busca contribuír a un modelo de territorio máis activo, resiliente —especialmente fronte a riscos como os incendios— e mellor preparado para afrontar os desafíos económicos, demográficos e ambientais.
A implicación do Clúster da Biomasa de Galicia neste tipo de iniciativas reforza o seu papel como axente activo na transición cara a un modelo de desenvolvemento territorial sostible, no que a planificación e a valorización dos recursos locais resultan fundamentais para impulsar a actividade económica, o emprego e a sustentabilidade no medio rural galego.






