O Clúster da Biomasa de Galicia participa no Encontro Estatal do Pacto das Alcaldías abordando o papel da biomasa na loita contra a pobreza enerxética

O Clúster da Biomasa de Galicia participou esta semana no Encontro Estatal Pacto das Alcaldías 2026, celebrado en Santiago de Compostela, nunha xornada centrada nos retos da acción climática local, a adaptación ao cambio climático e a loita contra a pobreza enerxética.

A intervención do Clúster desenvolveuse no bloque dedicado á “Loita contra a Pobreza Enerxética”, coa participación de Diego Fernández Suárez, de Emisióncero Energías Renovables, empresa socia do Clúster da Biomasa de Galicia, en representación da entidade.

Durante a súa intervención puxéronse sobre a mesa as oportunidades que ofrece a biomasa como ferramenta para combater a pobreza enerxética, destacando especialmente o potencial das redes de calor como solución eficiente, sostible e xa contrastada tanto en grandes municipios como en contornas rurais.

Neste contexto, compartiuse tamén a experiencia da Comunidade Enerxética de Infesta como exemplo de modelo replicable, capaz de conectar sustentabilidade, eficiencia enerxética e desenvolvemento local a través do aproveitamento de recursos renovables do territorio.

O encontro reuniu representantes institucionais, entidades locais e profesionais vinculados á transición enerxética e á acción climática, consolidándose como un espazo de intercambio de experiencias e boas prácticas arredor dos retos enerxéticos actuais.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia agradécese á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a invitación para participar neste encontro, que permitiu seguir reforzando o papel da biomasa dentro do debate sobre os modelos enerxéticos sostibles e a acción climática local.