O Clúster da Biomasa de Galicia participa na Semana Forestal da Escola de Enxeñaría Forestal

O pasado 8 de abril, o presidente do Clúster da Biomasa de Galicia, Francisco Álvarez, participou na segunda xornada da Semana Forestal organizada pola Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra.

Durante a súa intervención, titulada “A biomasa, unha oportunidade estratéxica do forestal galego”, Francisco Álvarez afondou nas posibilidades que ofrece a biomasa como motor de desenvolvemento económico e sostible para Galicia. Subliñou a importancia de aproveitar os recursos forestais de xeito responsable, impulsando a economía local, a innovación e a creación de emprego no rural.

A continuación, formou parte da mesa redonda “Son enxeñeir@ forestal… e agora que?”, compartindo experiencia profesional con outros egresados da escola: Francisco Abilleira (Redenor S.L.), Ana Rodríguez (Maderas O Fragueiro), Noelia Méndez (LugoMadera) e o exalumno Brais Alonso (Industrias Guerra). A través dunha rolda de preguntas, o estudantado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o percorrido profesional dos participantes e resolver dúbidas sobre a realidade do sector.

A xornada rematou coa intervención do enxeñeiro de montes Alberto Mayo, quen reflexionou sobre os retos actuais e futuros da xestión forestal galega, contextualizándoos desde unha perspectiva histórica.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia queremos agradecer á Escola de Enxeñaría Forestal a súa invitación e felicitala pola organización desta semana de encontros, reflexión e aprendizaxe arredor do monte galego e o seu futuro.