O Clúster da Biomasa de Galicia participou na reunión do comité organizador de Enerxétika, celebrada na Feira Internacional de Galicia ABANCA, na que se analizaron os avances na organización desta cita feiral, que terá lugar do 25 ao 27 de marzo e que se celebrará de maneira paralela a ExpoMunicipal.
Durante o encontro avanzouse na definición do programa de actividades, no que o sector da biomasa contará cun papel destacado. O Clúster da Biomasa de Galicia está a traballar na preparación de distintas accións que se darán a coñecer proximamente e que permitirán visibilizar o conxunto dos axentes do sector, ofrecéndolles un espazo de representación e participación dentro do evento.
A reunión contou tamén coa participación do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), que reafirmou o compromiso da Administración autonómica con Enerxétika como un espazo estratéxico para poñer en valor o peso do sector enerxético en Galicia e favorecer o intercambio de coñecemento e experiencias.
Desde a organización da feira destacouse a vontade de consolidar Enerxétika como un evento de referencia, capaz de xerar sinerxías entre empresas, clústeres, administracións e entidades, e de servir como escaparate do potencial enerxético galego ao longo de toda a súa cadea de valor.
O Clúster da Biomasa de Galicia continuará a traballar de maneira coordinada coa organización de Enerxétika para impulsar unha participación activa e representativa do sector da biomasa nesta edición de 2026.


