O Clúster da Biomasa de Galicia estivo representado polo seu presidente, Francisco Javier Álvarez Pereiro, nas mesas de traballo celebradas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, centradas na avaliación intermedia da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) 2021-2027 e na preparación da nova convocatoria de Misións 2026.
Esta xornada de traballo, impulsada pola Xunta de Galicia, contou coa participación activa do ecosistema galego de I+D+i e tivo como obxectivo valorar a implementación actual da RIS3, os instrumentos dispoñibles e os apoios outorgados. Ademais, serviuse para recoller propostas e ideas co fin de deseñar as futuras Misións da RIS3 e adaptar a convocatoria 2026 ás necesidades reais do tecido produtivo galego.
A participación do Clúster da Biomasa nesta sesión reitera o seu compromiso co impulso da innovación no sector forestal e bioenerxético, así como coa transformación sustentable de Galicia. A presenza nestes espazos permite achegar a voz do sector á definición das políticas públicas de I+D+i, fortalecendo as oportunidades para o desenvolvemento de proxectos tractores e estratéxicos nos vindeiros anos.


