O Clúster estará presente no stand “Galicia é Madeira”, impulsado pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), un espazo de encontro para poñer en valor a innovación e o potencial da cadea forestal-madeira galega
O Clúster da Biomasa de Galicia participará en Galiforest Abanca 2026, a principal feira monográfica do sector forestal do noroeste peninsular, que se celebrará do 2 ao 4 de xullo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (A Coruña).
A presenza do Clúster en Galiforest enmárcase no espazo “Galicia é Madeira”, promovido pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), unha iniciativa que reunirá ás principais entidades representativas da cadea forestal-madeira galega co obxectivo de compartir coñecemento, impulsar a colaboración e visibilizar o potencial do sector como motor de innovación, industria e desenvolvemento económico para Galicia.
Integrado por unha trintena de empresas e entidades asociadas, o Clúster da Biomasa de Galicia traballa para impulsar o desenvolvemento da bioenerxía e promover o aproveitamento sostible dos recursos forestais como unha oportunidade para avanzar cara a un modelo enerxético máis eficiente, competitivo e de proximidade.
Neste contexto, Galiforest constitúe un escenario estratéxico para trasladar o papel da biomasa como unha solución consolidada para a descarbonización, a valorización dos recursos do monte e a xeración de emprego e riqueza no territorio.
A participación do Clúster permitirá, ademais, dar visibilidade ao traballo que desenvolven as súas empresas asociadas e reforzar a mensaxe de que a transición enerxética e a bioeconomía circular representan unha oportunidade de futuro para Galicia, baseada na innovación, na xestión sostible dos montes e no aproveitamento responsable dos recursos naturais.
Desde o Clúster da Biomasa de Galicia queremos poñer en valor o labor que vén desenvolvendo a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) no impulso da innovación, a cooperación e a competitividade da cadea forestal-madeira galega, favorecendo espazos de encontro como Galiforest que permiten fortalecer as relacións entre empresas, entidades e administracións e seguir avanzando na construción dun sector cada vez máis dinámico, innovador e preparado para os retos do futuro.
As persoas e entidades interesadas poderán coñecer de preto a actividade do Clúster da Biomasa de Galicia e as principais iniciativas do sector no espazo “Galicia é Madeira” durante os tres días de celebración de Galiforest Abanca 2026.






