O Clúster da Biomasa de Galicia participa en dous encontros estratéxicos sobre territorio, sustentabilidade e economía circular

A entidade estivo presente no Foro Territorio Rural Resiliente e nunha mesa de expertos da Oficina de Economía Circular Industrial, reforzando o seu compromiso coa xestión sostible dos recursos e a competitividade do tecido empresarial galego.

O Clúster da Biomasa de Galicia participou esta semana en dous encontros de referencia vinculados ao desenvolvemento sostible do territorio e á transformación da industria galega, consolidando a súa presenza nos principais espazos de diálogo e colaboración arredor dos retos económicos, ambientais e sociais da comunidade.

Por unha banda, Sergio Vázquez Pérez, Project Manager do Clúster, asistiu ao Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa promovida pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela. O encontro serviu para impulsar unha gran alianza de país orientada a promover a ordenación territorial e a xestión activa do espazo agroforestal galego.

Durante a xornada puxéronse sobre a mesa cuestións clave para o futuro do rural, como a mobilización de terras, a recuperación da actividade produtiva, a prevención de incendios a través da xestión activa do territorio e a necesidade de avanzar cara a modelos máis resilientes fronte aos efectos do cambio climático.

Por outra banda, María Vázquez García, vicepresidenta do Clúster da Biomasa de Galicia, participou nunha mesa de expertos organizada no marco da Oficina de Economía Circular Industrial, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para acompañar ás empresas galegas na incorporación de modelos de produción máis sostibles e circulares.

Neste encontro analizáronse cuestións relacionadas coa valorización de recursos, a xestión de residuos emerxentes, a normativa aplicable aos subprodutos e o papel da innovación tecnolóxica como ferramenta para optimizar os procesos industriais e avanzar cara a modelos produtivos máis eficientes.

Ambos os encontros coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre administracións, empresas, entidades sectoriais e centros de coñecemento para afrontar os desafíos actuais e aproveitar as oportunidades que ofrecen a economía circular, a bioeconomía e a xestión sostible dos recursos naturais.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia valórase moi positivamente a participación nestes foros, que permiten achegar a visión do sector da biomasa aos espazos de reflexión e toma de decisións que contribuirán a definir o futuro do territorio e da industria galega.