O encontro, que se celebrará o 5 de novembro no marco do proxecto europeo ALDEALIX, combinará un workshop técnico con visitas ás instalacións da comunidade enerxética de Cerdedo Cotobade e espazos de intercambio de experiencias.
O próximo 5 de novembro de 2026, o Auditorio Municipal de Cerdedo Cotobade (Pontevedra) acollerá a Xornada sobre o uso da Bioenerxía en comunidades enerxéticas, unha iniciativa que reunirá a profesionais, empresas, administracións e entidades vinculadas ao sector forestal e enerxético para analizar as oportunidades que ofrece a biomasa no desenvolvemento de modelos de enerxía local e renovable.
A xornada desenvolverase no marco do proxecto europeo ALDEALIX, que promove o aproveitamento da biomasa local para impulsar comunidades enerxéticas, favorecer a autosuficiencia enerxética e contribuír á dinamización do medio rural na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.
O programa estrutúrase en dúas sesións complementarias: un workshop técnico organizado polo Clúster da Biomasa de Galicia durante a mañá e un encontro promovido polo Concello de Cerdedo Cotobade pola tarde, que permitirá coñecer de primeira man a experiencia da súa comunidade enerxética.
Un workshop para abordar os retos técnicos e económicos das comunidades enerxéticas
A primeira sesión comezará ás 11:00 horas coa recepción dos participantes, seguida da apertura institucional e da presentación da Oficina de asesoramento en bioenerxía, na que participarán representantes da Axencia Galega da Industria Forestal e do Clúster da Biomasa de Galicia.
A partir das 12:00 horas desenvolverase un bloque de presentacións técnicas e debate centrado nos principais aspectos que deben considerarse para a implantación de comunidades enerxéticas baseadas en biomasa.
Entre os temas que se abordarán destacan a calidade dos biocombustibles, a organización da cadea de subministración, os factores que condicionan a viabilidade técnica e económica destes proxectos e as particularidades das redes de calor con biomasa fronte aos sistemas individuais e aos combustibles de orixe fósil.
Ademais, compartiranse experiencias de aplicación da bioenerxía, como o uso tradicional da biomasa na industria de transformación da madeira e a rede de calor da Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo.
A sesión concluirá ás 13:30 horas, tras un espazo de mesa redonda e debate no que se poderán intercambiar coñecementos e experiencias sobre o desenvolvemento destas iniciativas.
Cerdedo Cotobade, un exemplo práctico de aproveitamento da biomasa local
A segunda parte da xornada, organizada polo Concello de Cerdedo Cotobade, permitirá achegarse á implantación e funcionamento da súa comunidade enerxética.
A partir das 13:30 horas, o programa contempla un xantar de networking e visitas guiadas ás instalacións, co obxectivo de facilitar o coñecemento directo da infraestrutura e favorecer o intercambio entre os participantes.
Ás 15:30 horas dará comezo unha sesión dedicada á experiencia de Cerdedo Cotobade, na que se presentarán as características técnicas da instalación, o seu modelo de xestión e unha ferramenta web orientada á xestión de comunidades enerxéticas.
O encontro completarase cunha mesa redonda e debate, antes da clausura prevista para as 16:50 horas.
A bioenerxía como oportunidade para o desenvolvemento local
As comunidades enerxéticas baseadas en biomasa representan unha oportunidade para avanzar cara a modelos de produción e consumo de enerxía máis próximos ao territorio, aproveitando os recursos forestais dispoñibles e favorecendo a participación dos axentes locais.
Neste contexto, as redes de calor permiten ofrecer solucións colectivas de calefacción a partir de biomasa, contribuíndo á diversificación enerxética e á substitución de combustibles fósiles.
A través desta xornada, o Clúster da Biomasa de Galicia busca favorecer o intercambio de coñecementos técnicos, dar visibilidade a experiencias de aplicación real e promover novas oportunidades para o desenvolvemento de comunidades enerxéticas que aproveiten de maneira sostible os recursos forestais.
Inscrición gratuíta ata completar aforo
A xornada está dirixida a empresas, profesionais do sector forestal e enerxético, administracións públicas, entidades e persoas interesadas no desenvolvemento de comunidades enerxéticas e no aproveitamento da biomasa como fonte de enerxía renovable.
A asistencia é gratuíta, pero require inscrición previa ata completar o aforo.
Data: 5 de novembro de 2026
Lugar: Auditorio Municipal de Cerdedo Cotobade (Pontevedra)
Horario: de 11:00 a 16:50 horas
Inscrición: https://apunta.xunta.gal/gl/form/xornada-bioenerxia-comunidades
Programa: https://clusterbiomasa.gal/wp-content/uploads/2026/10/Programa-workshop-Cerdedo_Cotobade.pdf
Teléfono de información: 988 687 700
A xornada enmárcase no proxecto ALDEALIX, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027.



