A biomasa gaña protagonismo como solución clave para o desenvolvemento enerxético e territorial de Galicia nun contexto de grandes retos climáticos e económicos
O sector da biomasa reúne en Galicia aos seus principais actores para definir as oportunidades e desafíos dun modelo enerxético máis sostible e competitivo
O Clúster da Biomasa de Galicia terá un papel protagonista na próxima edición de Enerxétika 2026, que se celebrará do 25 ao 27 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda), coa organización de dúas das principais actividades do certame: o VI Foro da Biomasa Galega e a gala de entrega dos II Premios Biomasa Galega.
Ambas iniciativas, que terán lugar o 26 de marzo, consolidan ao Clúster como un axente clave na dinamización, vertebración e impulso do sector da biomasa en Galicia, nun contexto marcado polos retos enerxéticos, climáticos e territoriais.
O VI Foro da Biomasa, baixo o lema “A biomasa, unha oportunidade estratéxica para Galicia”, reunirá a unha ducia de persoas expertas e representantes de entidades de referencia para analizar o papel deste recurso no presente e no futuro do modelo enerxético. A xornada será inaugurada polo presidente do Clúster, Rubén Mosquera, xunto con Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).
O programa estrutúrase arredor de tres grandes eixos temáticos que abordan cuestións clave para o desenvolvemento do sector. Por unha banda, analizaranse as experiencias doutras comunidades autónomas na implantación de redes de calor e as súas posibilidades de transferencia a Galicia, coa participación de entidades como AGADER, INEGA, AVEBIOM, a Deputación de Girona ou ENGIE-DH Eco Energías.
Nun segundo bloque, abordarase o papel da biomasa na redución de emisións e no desenvolvemento do mercado voluntario de créditos de carbono en Galicia, mentres que o terceiro eixo estará centrado no aproveitamento e na xestión sostible das masas forestais galegas, coa participación de representantes da Xunta de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela e do tecido empresarial galego, con entidades como Foresga, Finsa, Ametlam e Ence.
O foro aposta por un enfoque participativo e transversal, promovendo a colaboración entre os distintos axentes implicados e poñendo en valor a biomasa como recurso estratéxico para o desenvolvemento sostible do territorio.
Tras a celebración do foro, terá lugar a entrega dos II Premios Biomasa Galega, unha iniciativa impulsada polo Clúster co obxectivo de recoñecer o compromiso, a innovación e o impacto positivo de persoas, empresas e institucións no desenvolvemento do sector.
Nesta segunda edición, os galardóns distinguirán proxectos e traxectorias en cinco categorías: proxecto sostible en biomasa, traxectoria profesional, impulso empresarial, concienciación e educación e compromiso institucional. Entre os premiados destacan iniciativas como Comunidade Enerxética (Cooperativa Infesta); profesionais como Gonzalo Piñeiro Veiras, director do CIS-Madeira, e José Antonio Rodríguez Añón, secretario do Máster de Excelencia en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible (MERYCSE); así como entidades como Fundación San Rosendo ou o recoñecemento institucional ao Sergas.
Con esta participación en Enerxétika 2026, o Clúster da Biomasa de Galicia reforza o seu posicionamento como referente do sector e o seu compromiso co impulso de solucións enerxéticas renovables, locais e sostibles, fundamentais para avanzar cara a un modelo enerxético máis eficiente, resiliente e vinculado ao territorio.
A organización destas actividades conta co financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), no marco do apoio ás iniciativas dos clusters innovadores que contribúen ao desenvolvemento e á competitividade do tecido empresarial galego .


