O Clúster da Biomasa de Galicia lanza un programa formativo para atraer e consolidar talento no sector

O Clúster da Biomasa de Galicia pon en marcha o curso Construíndo e consolidando equipos para o futuro da biomasa, un programa de formación presencial dirixido a persoas con responsabilidades de dirección, coordinación ou xestión de equipos en empresas do sector.

Esta iniciativa nace coa finalidade de dotar ás empresas das competencias, ferramentas e metodoloxías necesarias para atraer, seleccionar e fidelizar talento, nun contexto no que a dispoñibilidade de perfís cualificados e o compromiso dos equipos resultan factores clave para a competitividade e o crecemento do sector da biomasa.

O programa aborda de maneira práctica os principais retos da xestión de persoas no sector, mellorando a capacidade para identificar e atraer perfís de alto valor, optimizar os procesos de selección con metodoloxías eficientes e asumibles para as pemes, e integrar competencias de liderado que favorezan a retención e o compromiso dos equipos. Ademais, as persoas participantes traballarán na elaboración dun plan propio de captación e selección, adaptado á realidade e ás necesidades específicas da súa empresa.

Un enfoque práctico e adaptado ao sector

A formación estrutúrase en catro sesións presenciais, cunha duración total de 21 horas, e desenvolverase cunha metodoloxía vivencial baseada na análise de casos reais, role-play, dinámicas de grupo e aplicación directa ao contexto do sector da biomasa. Ao longo das sesións traballaranse contidos como:

  • Atracción e captación de talento en contornas especializadas
  • Procesos de selección eficientes e de baixo custo
  • Liderado aplicado á xestión do talento
  • Deseño dun plan de captación e retención adaptado ás empresas do sector

O curso contará coa participación de Teresa Molezún Mosquera e Carmen Vázquez de Prada, profesionais con ampla experiencia na xestión de persoas, desenvolvemento de talento e acompañamento a equipos directivos en diferentes sectores.

Datas e lugar de celebración

A formación celebrarase en modalidade presencial os días 10 e 24 de febreiro, e 10 e 17 de marzo, en horario de 9:30 a 14:45 horas, na Sala de Xuntas da Facultade de Física, situada no Campus de Santiago de Compostela.

Este programa está cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal, e enmárcase no compromiso do Clúster da Biomasa de Galicia por apoiar ás empresas do sector non só desde o punto de vista tecnolóxico ou enerxético, senón tamén no ámbito da xestión do talento e das persoas, clave para garantir o futuro do sector.