- O documento recolle ata 22 iniciativas para converter á biomasa nun sector máis
innovador, competitivo e contribuír ao desenvolvemento sostible de Galicia - O presidente do Clúster, Francisco Álvarez, destaca que “a biomasa crea
emprego na contorna rural e é unha peza clave para alcanzar a neutralidade
climática” - O director da Área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, subliña que
“o Clúster é un exemplo de que a colaboración é clave para aumentar a nosa
competitividade”
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2022. O Clúster da Biomasa de Galicia celebrou hoxe a súa Asemblea Xeral, na que se deron cita representantes dos 28 membros do organismo. O encontro serviu para presentar o Plan Estratéxico 2022-2025 da entidade, un documento que recolle ata un total de 22 iniciativas agrupadas en diferentes eixos e cuxo obxectivo final é impulsar o uso das enerxías renovables e defender os intereses do sector.
O presidente do Clúster, Francisco Álvarez, destacou que “a biomasa, como recurso propio, ofrece numerosas vantaxes, desde a creación de postos de traballo na contorna rural, ata a conservación dos montes e contribuirá á consecución dos obxectivos de neutralidade climática”. Ademais, Francisco Álvarez defendeu “a biomasa como alternativa de enerxía sostible e comprometida coa protección do medio ambiente e con Galicia”.
O camiño para lograr un sector máis competitivo
Unha das prioridades do Plan Estratéxico é o impulso da innovación e a transferencia tecnolóxica. Neste sentido, o Clúster traballará na creación dunha unidade de captación de financiamento europeo para proxectos de I+D+i e na posta en marcha dun servizo de vixilancia tecnolóxica, que traslade ás empresas do sector as últimas tendencias. A entidade impulsará tamén un espazo de demostración tecnolóxica en colaboración coa Universidade de Vigo.
Por outra banda, o documento estratéxico pretende fomentar a cooperación entre as empresas do sector a través da organización dun Foro anual e mediante a creación de alianzas estratéxicas entre os seus socios e demais axentes implicados.
Ademais, o Plan Estratéxico do Clúster da Biomasa aspira a contribuír ao desenvolvemento sostible de Galicia. Para iso, a entidade estreitará os seus lazos cos centros de investigación e coas universidades. “O obxectivo é facer máis atractivo o sector para futuros profesionais”, explicou o presidente do Clúster, “entre outras actuacións achegaremos a biomasa a titulacións como a arquitectura ou as enxeñarías”.
Ademais, o Plan impulsará o uso da biomasa como fonte de enerxía térmica na actividade industrial e no turismo. Outra das accións incluídas no documento é a posta en marcha de iniciativas que impulsen o acceso a mercados internacionais, a través de misións comerciais ou da participación en feiras internacionais, entre outras medidas.
O impulso da formación e a mellora do talento humano é outro dos aspectos recollidos no Plan Estratéxico do Clúster da Biomasa. Para iso, a entidade porá en marcha xornadas formativas dirixidas a mellorar a capacitación dos operarios. O obxectivo é profesionalizar o sector biomasa-forestal e asegurar a súa continuidade con novos traballadores.
A folla de ruta fixada polo Clúster para os próximos anos establece tamén a consolidación do sector e o seu recoñecemento, tanto en Galicia como máis aló das nosas fronteiras. “Impulsaremos a creación dun distintivo vinculado ao uso da biomasa”, explicou o presidente do Clúster, Francisco Álvarez, “reforzaremos as relacións cas administracións a nivel local, rexional e nacional; pero tamén queremos concienciar á sociedade sobre o potencial da biomasa como fonte de enerxía ante a escalada de prezos dos combustibles fósiles”.
A colaboración, clave para aumentar a competitividade
Á Asemblea do Clúster asistiu o director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Norberto Penedo indicou que “o Clúster da Biomasa é un exemplo claro de que a colaboración é clave para que sexamos máis competitivos”.Neste sentido, fixo referencia ás axudas do Igape para impulsar o crecemento das pemes galegas.
Pola súa banda, a Directora Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) puxo en valor a importancia do Clúster da Biomasa de Galicia. Neste sentido, Inés Santé, subliñou que “o convenio asinado entre o Clúster e Agader permitirá impulsar proxectos que poñan en valor a biomasa; un sector que impacta positivamente no rural e fortalece da autosuficiencia enerxética”.
O sector da biomasa en Galicia
Galicia, como líder e referente no sector forestal, tamén o pretende ser na valorización enerxética da biomasa. As empresas do sector apostan polo aproveitamento sostible e de calidade certificada, aspecto que avala a calidade da materia prima e ofrece un valor engadido respecto á produción obtida noutras rexións do país. Desde o ano 2014, miles de fogares e industrias galegas benefícianse dos importantes aforros económicos, coidando ademais da nosa contorna. Estímase, ademais, que o sector da biomasa dá traballo a case 3.500 persoas en Galicia.


