O Clúster da Biomasa de Galicia impulsa unha formación gratuíta especializada na caracterización dos biocombustibles, certificación e trazadabilidade de produto

 O Clúster da Biomasa de Galicia organiza unha nova acción formativa especializada centrada na caracterización de biocombustibles, certificación forestal, dilixencia debida e trazabilidade de produto, co obxectivo de seguir reforzando a profesionalización e a competitividade do sector da biomasa en Galicia. 

A formación, que conta co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), aborda cuestións clave vinculadas á calidade, á orixe sostible da biomasa e ás novas esixencias normativas e de mercado que afectan á cadea de valor dos biocombustibles sólidos. 

Neste contexto, o programa busca ofrecer ferramentas prácticas e coñecementos técnicos que permitan ás empresas e profesionais do sector adaptarse a un escenario no que a sustentabilidade, a transparencia e a trazabilidade do produto adquiren un papel cada vez máis relevante. 

O vindeiro 20 de maio, o Clúster retomará o seu programa formativo con tres novas sesións presenciais. As xornadas, que terán lugar na Facultade de Bioloxía (USC) e na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (UVigo), centraranse na certificación e calidade dos biocombustibles sólidos. 

O programa permitirá aos asistentes afondar no marco normativo e lexislativo vixente, na calidade, nos procedementos de control da produción e nos diferentes esquemas e selos de calidade existentes no mercado. 

Ademais, tamén se analizarán as propiedades físico-químicas dos biocombustibles, os procedementos de mostraxe e control e os métodos de medición e caracterización, incorporando casos prácticos orientados á aplicación real destes coñecementos no ámbito profesional. 

O programa inclúe un bloque específico centrado na caracterización e no potencial do biochar, no que se analizarán as características dos restos forestais en Galicia como materia prima, os distintos procesos de produción e os criterios de certificación e caracterización deste material, así como os seus posibles usos e aplicacións. 

A información completa do programa e o acceso ao apartado de inscricións están dispoñibles na seguinte ligazón: https://clusterbiomasa.gal/caracterizacion-de-biocombustibles-certificacion-forestal-dilixencia-debida-e-trazabilidade-de-produto/  

A través desta iniciativa, o Clúster da Biomasa de Galicia continúa impulsando accións orientadas á especialización técnica do sector e a capacitación especializada, reforzando o seu compromiso coa sustentabilidade, a innovación e a mellora da competitividade das empresas galegas vinculadas á biomasa.