O curso, de carácter eminentemente práctico, abordará os principais riscos, protocolos de actuación e técnicas de intervención en contornas industriais vinculadas á biomasa
O Clúster da Biomasa de Galicia continúa reforzando a capacitación dos profesionais do sector a través dun novo programa de actividades formativas promovido co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).
Dentro desta iniciativa, o Clúster organiza o curso “Loita contra incendios en instalacións de biomasa. Técnicas de extinción”, unha actividade formativa cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e dirixida a mellorar os coñecementos e competencias dos profesionais en materia de prevención, actuación e resposta ante situacións de emerxencia.
As instalacións de biomasa presentan características específicas que requiren unha preparación técnica axeitada para minimizar riscos e actuar con eficacia ante posibles incidentes. Neste contexto, a formación permitirá aos participantes coñecer os principais protocolos de prevención, os sistemas de protección e as técnicas de extinción aplicables a este tipo de instalacións.
O programa, que se desenvolverá en modalidade presencial nas instalacións de SEGANOSA, contará cun total de 14 horas de formación práctica distribuídas en dúas sesións de sete horas cada unha.
Ao longo das dúas xornadas, os participantes afondarán nos fundamentos da prevención e extinción de incendios, os riscos específicos asociados ás instalacións de biomasa e os protocolos de actuación ante distintos escenarios de emerxencia. Ademais, a formación combinará contidos teóricos e prácticos, incluíndo simulacros e exercicios reais orientados a mellorar a capacidade de resposta dos asistentes ante situacións críticas.
Entre os contidos abordados figuran o comportamento do lume e os riscos asociados ás atmosferas explosivas de po, o uso de equipos de protección e extinción, as técnicas de refrixeración de estruturas e os procedementos de busca e rescate. A parte práctica incluirá exercicios de extinción con diferentes sistemas e simulacións de intervención en plantas de biomasa, almacéns de pellets e outros escenarios industriais.
A formación está dirixida a persoal de mantemento, equipos de primeira e segunda intervención, responsables de seguridade e, en xeral, profesionais vinculados ás empresas do sector da biomasa e forestal.
Con esta iniciativa, cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), o Clúster da Biomasa de Galicia reafirma o seu compromiso coa profesionalización do sector e coa promoción dunha cultura preventiva que contribúa a mellorar a seguridade das persoas, das instalacións e dos procesos produtivos, reforzando ao mesmo tempo a competitividade das empresas da cadea de valor da biomasa.
As persoas interesadas poden consultar toda a información e formalizar a súa inscrición a través desta ligazón.


