O Clúster da Biomasa de Galicia organiza o vindeiro 9 de abril un novo obradoiro centrado na transformación dixital aplicada ao sector, baixo o título “Transformación dixital no sector da biomasa: ferramentas dixitais colaborativas para a xestión interna produtiva e eficiente”.
A xornada terá lugar no Centro GaiasTech, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, e enmárcase dentro dun ciclo de obradoiros orientados a achegar ás empresas solucións prácticas para mellorar a súa competitividade a través da dixitalización.
Este encontro está deseñado como un espazo dinámico e aplicado, no que se combinarán relatorios técnicos, casos de éxito e dinámicas participativas co obxectivo de ofrecer unha visión práctica sobre como incorporar ferramentas dixitais nos procesos empresariais do sector da biomasa.
O programa desenvolverase ao longo da mañá, comezando coa recepción das persoas asistentes e unha sesión de benvida institucional. A continuación, abordaranse diferentes contidos vinculados á transformación dixital como panca de competitividade, o uso de ferramentas colaborativas para a mellora da produtividade ou a aplicación de metodoloxías orientadas á optimización de procesos.
A xornada incluirá tamén espazos para o intercambio de experiencias e networking, así como unha dinámica grupal baseada en metodoloxías de innovación, que permitirá ás persoas participantes identificar retos reais do sector e explorar solucións a través da dixitalización.
O obradoiro concluirá cunha sesión de síntese e posta en común das principais conclusións, seguida dun espazo final de networking entre as empresas participantes.
Esta iniciativa busca acompañar ao tecido empresarial na incorporación de ferramentas dixitais que permitan mellorar a eficiencia, a toma de decisións e a capacidade de adaptación das empresas nun contexto de crecente esixencia competitiva.
A participación no obradoiro é gratuíta, previa inscrición, e está financiada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), no marco do apoio ás iniciativas de impulso á competitividade empresarial en Galicia.
Descarga o programa nesta ligazón e inscríbete nesta ligazón: https://forms.gle/DMJrbjUDbpc1YR3X8.


