O Clúster da Biomasa de Galicia impulsa dos obradoiros sobre dixitalización e industria verde para reforzar a competitividade do sector

O Clúster da Biomasa de Galicia organizará nas próximas semanas dous obradoiros especializados centrados na transformación dixital e na industria verde, dirixidos a empresas e profesionais vinculados ao sector da biomasa e ao ámbito forestal-industrial.

Estas actividades desenvólvense no marco da iniciativa do IGAPE “Obradoiros multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada”, co obxectivo de apoiar ás empresas na identificación de oportunidades de mellora, impulsar a innovación nos procesos produtivos e avanzar cara a modelos industriais máis eficientes e sostibles.

Os talleres están deseñados como espazos de traballo participativo, nos que se combinarán achegas de expertos, casos de éxito empresariais e dinámicas colaborativas entre os asistentes para analizar retos e propoñer solucións aplicables ao tecido produtivo.

Impulsar a transformación dixital no sector da biomasa

A transformación dixital constitúe un dos grandes retos para o sector da biomasa, que integra unha cadea de valor ampla que vai desde a xestión forestal ata a transformación industrial e os servizos enerxéticos.

A incorporación de ferramentas dixitais pode contribuír a mellorar a eficiencia dos procesos produtivos, optimizar a xestión loxística, reforzar a trazabilidade da materia prima e mellorar a comunicación con clientes e provedores, aspectos clave para aumentar a competitividade das empresas.

Neste contexto, os obradoiros permitirán analizar o grao actual de dixitalización das empresas do sector, identificar áreas de mellora e explorar solucións tecnolóxicas que faciliten a modernización dos procesos empresariais.

Dous obradoiros centrados en retos estratéxicos

O programa inclúe dúas sesións temáticas:

9 de abril | Obradoiro: Transformación dixital no sector da biomasa
Un espazo orientado a analizar ferramentas dixitais colaborativas, tecnoloxías emerxentes e boas prácticas que permitan mellorar a produtividade e a xestión interna das empresas.

23 de abril | Obradoiro: Industria verde e circular no sector da biomasa
Unha sesión centrada no papel da biomasa como panca para impulsar unha industria máis sostible, promovendo procesos produtivos eficientes e novas oportunidades de cooperación entre sectores.

Espazos de reflexión e colaboración entre empresas

Ambos obradoiros combinarán ponencias técnicas, casos reais de empresas e dinámicas participativas baseadas en metodoloxías de innovación, que permitirán aos participantes identificar retos comúns e propoñer solucións colaborativas.

O obxectivo final é xerar coñecemento compartido, detectar oportunidades de cooperación empresarial e contribuír ao desenvolvemento dun sector da biomasa máis competitivo, innovador e aliñado cos retos da transición enerxética e industrial en Galicia.

Nos próximos días abrirase o proceso de inscrición para as empresas interesadas en participar.