O Clúster da Biomasa de Galicia impulsa a industria verde cun obradoiro sobre tecnoloxías ambientais aplicadas ao sector

A xornada reuniu en Santiago a profesionais e empresas para abordar o papel da innovación na sustentabilidade dos procesos produtivos

O Clúster da Biomasa de Galicia celebrou o pasado 23 de abril un novo obradoiro centrado na mellora da sustentabilidade do sector e no impulso da industria verde a través de tecnoloxías ambientais, no marco do ciclo de obradoiros de dixitalización e industria verde promovido pola entidade.

A xornada, desenvolvida no Centro GaiasTech da Cidade da Cultura, abordou o papel da sustentabilidade como elemento clave na optimización dos procesos produtivos, así como na transformación da cultura organizativa das empresas e dos seus equipos de traballo.

O encontro tamén permitiu incorporar unha visión transversal ao contar coa participación de empresas e entidades doutros sectores afíns á biomasa, favorecendo o intercambio de experiencias e a aprendizaxe a partir de casos reais e leccións aplicadas en distintos contextos empresariais.

Así mesmo, desde o Clúster quíxose poñer en valor a participación de empresas socias como Acttia Medioambiental e Ecoforest, así como a colaboración con clústeres afíns como Viratec, a través de entidades como CETIM Technological Centre ou Vertex Bioenergy, reforzando o papel da cooperación intersectorial no desenvolvemento do sector.

Durante a xornada abordáronse cuestións clave como o impacto das tecnoloxías ambientais nos procesos produtivos, a redución do impacto ambiental e as oportunidades de financiamento para proxectos colaborativos.

Un dos elementos centrais da xornada foi a dinámica grupal baseada en Design Thinking, na que as persoas asistentes traballaron sobre retos reais, explorando solucións a través da colaboración e da innovación.

A xornada completouse con espazos de networking que favoreceron o intercambio de coñecemento e a xeración de sinerxías entre empresas e profesionais participantes.

Este obradoiro forma parte dun ciclo máis amplo impulsado polo Clúster, orientado a acompañar ás empresas na súa transformación dixital e sostible, reforzando a súa competitividade nun contexto de transición enerxética e ecolóxica.

A actividade contou co financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), no marco do apoio ás iniciativas dos clústeres innovadores.