As empresas do sector da biomasa apostan pola formación especializada en prevención de riscos

A seguridade e a prevención de riscos consolídanse como ámbitos estratéxicos para avanzar cara a un sector da biomasa cada vez máis profesional, competitivo e preparado para afrontar os desafíos das súas operacións industriais.

O Clúster da Biomasa de Galicia concluíu o curso “Traballos de especial risco en plantas de biomasa”, unha acción formativa especializada cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e orientada a reforzar a capacitación dos profesionais do sector en materia de prevención de riscos laborais e seguridade industrial.

Desenvolvida nas instalacións de Verticalia, en Redondela, a formación reuniu a profesionais vinculados ás plantas e instalacións de biomasa, incluíndo persoal de mantemento, operarios, responsables de seguridade, responsables de planta, mandos intermedios e persoal directivo, interesados en actualizar os seus coñecementos e adquirir competencias prácticas aplicables ao seu ámbito de traballo.

Ao longo de dúas xornadas presenciais, os participantes afondaron nos traballos en altura e nos espazos confinados, dúas actividades especialmente críticas dentro das instalacións de biomasa, nas que tarefas como o acceso a silos, as intervencións en cubertas, a inspección de caldeiras ou o mantemento de filtros requiren unha preparación específica e a aplicación de rigorosos protocolos de seguridade.

A formación combinou contidos teóricos e prácticos centrados na identificación e avaliación de riscos, as medidas preventivas, o uso de equipos de protección individual, os procedementos de traballo seguro e os protocolos de actuación ante situacións de emerxencia.

Ademais, os asistentes participaron en demostracións e simulacións baseadas en situacións reais presentes nas plantas de biomasa, traballando sobre procedementos de acceso e permanencia en espazos confinados, sistemas de rescate, utilización de detectores de gases e actuacións de emerxencia en contornas industriais complexas.

Desde o Clúster da Biomasa de Galicia queremos agradecer a participación e implicación das empresas asistentes, que continúan apostando pola formación especializada como unha ferramenta clave para mellorar a seguridade das persoas, das instalacións e dos procesos produtivos.

Con iniciativas como esta, o Clúster reafirma o seu compromiso coa profesionalización do sector e co impulso dunha cultura preventiva que contribúa a reforzar a competitividade das empresas da cadea de valor da biomasa e a responder aos retos actuais da industria forestal e bioenerxética.