O Clúster da Biomasa de Galicia impulsa a formación en IA e dixitalización no sector maderero e forestal

O Clúster da Biomasa de Galicia vén de iniciar o Programa de Dixitalización e Automatización con IA, unha acción formativa que busca capacitar ás persoas profesionais do sector no uso de ferramentas dixitais avanzadas e na integración da intelixencia artificial nos procesos produtivos, administrativos e loxísticos.

Nun contexto cada vez máis áxil e competitivo, o programa pretende reducir custos, optimizar procesos internos e mellorar a produtividade das empresas a través da incorporación efectiva das TIC. O obxectivo é modernizar o tecido industrial da biomasa galega e situar ás súas empresas nunha posición tecnolóxica máis competitiva.

O curso abrangue 27 horas de formación presencial, divididas en 6 sesións prácticas nas que se abordan temas como a IA xenerativa aplicada á eficiencia empresarial, a automatización de procesos loxísticos, o deseño de proxectos con IA e as últimas tendencias en tecnoloxías intelixentes.

Entre os contidos destacan:

  • Introdución á IA aplicada á empresa e contextualización no sector enerxético e forestal.
  • Uso de ferramentas accesibles como Power Automate, ChatGPT, Notion AI ou Zapier.
  • Automatización documental e de loxística con IA e visión artificial.
  • Creación de proxectos automatizados para mellorar a eficiencia operativa.
  • Desenvolvemento de chatbots e uso de APIs de OpenAI.
  • Xeneración de contidos multimedia (imaxe, son e vídeo) con ferramentas como Midjourney, Sora ou ElevenLabs.

Esta formación permitirá aos participantes coñecer casos reais do sector, identificar oportunidades de automatización e explorar solucións dixitais adaptadas á realidade das empresas galegas.

O Programa de Dixitalización e Automatización con IA forma parte das accións impulsadas polo Clúster da Biomasa de Galicia e conta co apoio de XERA – Axencia Galega da Industria Forestal no marco da súa aposta pola modernización, a innovación e a competitividade da industria forestal galega.