O Clúster da Biomasa de Galicia celebrou o pasado 9 de abril un obradoiro centrado na transformación dixital aplicada ao sector, no marco do ciclo de obradoiros de dixitalización e industria verde impulsado pola entidade.
A xornada, desenvolvida no Centro GaiasTech da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), reuniu a empresas e profesionais do sector nun espazo orientado a ofrecer unha visión práctica sobre a incorporación de ferramentas dixitais nos procesos empresariais.
O programa combinou relatorios técnicos, presentación de casos de éxito e dinámicas participativas, abordando cuestións clave como a transformación dixital como panca de competitividade, o uso de ferramentas colaborativas para a mellora da produtividade e da trazabilidade nos procesos, así como a aplicación de metodoloxías orientadas á optimización empresarial.
Durante a xornada participaron profesionais de entidades como Kaizen Institute, Vagalume Biomasa e o Clúster TIC Galicia. En concreto, interviron Iván Fernández Aguayo, manager de Kaizen Institute Western Europe; Francisco Javier Álvarez, director de Vagalume Biomasa; Catarina Teixeira – IT Manager en Analytics en Kaizen Institute; e Andrés Sastre Portela, director de proxectos do Clúster TIC Galicia.
Un dos elementos centrais do obradoiro foi a dinámica grupal baseada en Design Thinking, na que as persoas asistentes traballaron sobre retos reais do sector, explorando posibles solucións a través da dixitalización dos procesos e da xestión interna das empresas.
A xornada incluíu tamén espazos para o networking e o intercambio de experiencias entre as empresas participantes, favorecendo a xeración de sinerxías dentro do sector.
Este obradoiro forma parte dun ciclo máis amplo impulsado polo Clúster, que continuará cunha segunda sesión centrada na industria verde e nas tecnoloxías ambientais aplicadas ao sector da biomasa, que se celebrará o vindeiro 23 de abril. Aínda quedan prazas dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón.
A actividade está financiada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), no marco do apoio ás iniciativas dos clústeres innovadores que contribúen ao desenvolvemento e á competitividade do tecido empresarial galego.










