A entidade participará na terceira edición do encontro, que reunirá en Santiago de Compostela a profesionais, empresas e organizacións arredor dos principais retos da enerxía, a industria e a transición enerxética
O Clúster da Biomasa de Galicia estará un ano máis presente en Energy Days, participando como entidade colaboradora na terceira edición deste encontro organizado por Cluergal – Clúster de Enerxías Renovables de Galicia.
A cita celebrarase os días 30 de setembro, 1 e 2 de outubro de 2026 no Edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e converterase durante tres xornadas nun punto de encontro para empresas, profesionais, administracións e entidades vinculadas aos sectores enerxético e industrial.
Para o Clúster, participar novamente en Energy Days supón unha oportunidade para seguir dando visibilidade á biomasa dentro do debate sobre o presente e o futuro enerxético, reforzar a súa conexión con outras tecnoloxías renovables e establecer novas relacións con axentes de diferentes ámbitos.
Tres días para falar do futuro da enerxía
Energy Days 2026 abordará cuestións relacionadas coa transición enerxética, descarbonización, eficiencia enerxética, almacenamento, sustentabilidade, mobilidade, innovación e dixitalización, combinando relatorios e mesas de análise cunha zona expositiva e diferentes espazos de networking. A biomasa e os biocombustibles forman tamén parte das tecnoloxías enerxéticas contempladas polo encontro.
A primeira xornada estará especialmente vinculada á enerxía e á industria; a segunda incorporará ámbitos como sustentabilidade, innovación, mobilidade ou cidades intelixentes; e a terceira centrará parte da programación na industria eólica.
A participación do Clúster como entidade colaboradora permitirá achegar a perspectiva da biomasa a un foro no que conflúen diferentes solucións e axentes da transición enerxética, ao tempo que favorece a creación de contactos, sinerxías e posibles oportunidades de colaboración para o sector.
A biomasa, presente na transición enerxética
A presenza en Energy Days enmárcase no traballo do Clúster da Biomasa de Galicia por posicionar a biomasa como unha solución renovable, eficiente e vinculada ao aproveitamento dos recursos locais, así como por incrementar a súa visibilidade nos principais espazos de encontro do sector enerxético.
Desde o Clúster queremos agradecer a Cluergal que conte un ano máis connosco como entidade colaboradora e poder formar parte dunha cita que favorece o intercambio de coñecemento e a cooperación entre os diferentes axentes da enerxía en Galicia.
A asistencia ás sesións das tres xornadas é aberta e gratuíta, previa inscrición.
Consulta toda a información e inscríbete en Energy Days 2026


