O documento ofrece unha primeira visión global da situación e evolución do sector en Galicia e constitúe un dos primeiros pasos para a posta en marcha do novo Observatorio Galego da Biomasa.
O Clúster da Biomasa de Galicia avanza na posta en marcha do Observatorio Galego da Biomasa coa elaboración do seu primeiro Informe Sectorial Anual, actualmente en versión preliminar.
O Observatorio nace coa vocación de converterse nunha ferramenta de análise, seguimento e divulgación do sector da biomasa en Galicia, facilitando información rigorosa e de valor para empresas, administracións, entidades de investigación e demais axentes vinculados á cadea de valor.
Este primeiro informe establece unha base de coñecemento desde a que realizar un seguimento periódico da evolución do sector e aborda de maneira transversal os recursos dispoñibles, os procesos de produción e transformación, os usos da biomasa, o mercado, o emprego, a innovación e os aspectos ambientais, incorporando tamén o contexto estatal e internacional necesario para interpretar as principais tendencias.
O traballo analiza, ademais, a evolución recente da biomasa e os principais retos, oportunidades e barreiras para o seu desenvolvemento, así como o seu encaixe nas políticas públicas e nas estratexias vinculadas á transición enerxética e á bioeconomía.
Para a súa elaboración empregouse un amplo conxunto de fontes sectoriais e institucionais, entre elas información do INEGA, XERA, o Inventario Forestal Continuo de Galicia, AVEBIOM, APPA Renovables, MITECO, IDAE, Unión Europea e Ardán, entre outras.
Unha ferramenta para coñecer e seguir a evolución do sector
Máis alá de ofrecer unha fotografía da situación actual, este primeiro traballo senta as bases para que o Observatorio poida monitorizar a evolución da biomasa en Galicia ao longo do tempo, identificar avances e detectar áreas de mellora, contribuíndo á transferencia de coñecemento e á toma de decisións no sector.
A elaboración deste informe forma parte das actuacións desenvolvidas polo Clúster da Biomasa de Galicia no marco da IG410A – Axudas ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
O documento atópase actualmente nunha fase preliminar e non está dispoñible para descarga pública. As empresas, entidades e profesionais interesados en coñecer máis sobre o informe ou consultar a información recollida poden contactar directamente co Clúster da Biomasa de Galicia.




