O Clúster da Biomasa de Galicia celebrou a pasada semana unha nova sesión do curso “Caracterización de biocombustibles, certificación forestal, dilixencia debida e trazabilidade de produto”, unha iniciativa orientada a seguir impulsando a profesionalización e a especialización técnica das empresas e profesionais vinculados ao sector da biomasa.
A xornada, integrada no Módulo 2: Certificación e calidade de biocombustibles sólidos, estivo centrada nas propiedades dos biocombustibles, os procedementos de control de produción e os sistemas de medición aplicados ao sector.
Durante a sesión abordáronse cuestións relacionadas coas propiedades físico-químicas dos biocombustibles sólidos, os equipos e procedementos de medición, así como os sistemas de mostraxe e control necesarios para garantir a conformidade coas especificacións declaradas.
Ademais, as persoas participantes tiveron a oportunidade de traballar sobre casos prácticos vinculados á medición e cálculo de dimensións, volume e peso, achegando unha visión aplicada e orientada á realidade das empresas do sector.
A través deste tipo de accións formativas, o Clúster da Biomasa de Galicia continúa promovendo espazos de actualización técnica e intercambio de coñecemento, reforzando a competitividade, a sustentabilidade e a adaptación do sector aos novos retos normativos e de mercado.
Esta iniciativa conta co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e forma parte da aposta do Clúster pola formación especializada e a mellora continua do ecosistema empresarial da biomasa en Galicia.






