O Clúster da Biomasa de Galicia celebra unha nova sesión formativa sobre certificación e calidade de biocombustibles sólidos

O Clúster da Biomasa de Galicia celebrou o pasado 20 de maio unha nova sesión do programa formativo “Caracterización de biocombustibles, certificación forestal, dilixencia debida e trazabilidade de produto”, centrada nesta ocasión na certificación e calidade dos biocombustibles sólidos.

A formación, desenvolvida de maneira presencial na Aula 9 da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, reuniu profesionais e empresas do sector interesados en afondar nos requisitos técnicos e normativos vinculados á produción e certificación dos biocombustibles sólidos.

Durante a sesión abordáronse cuestións clave relacionadas co marco lexislativo e normativo aplicable, as especificacións e clases de calidade dos biocombustibles, así como os sistemas de aseguramento de calidade e os procedementos de control da produción necesarios para garantir a conformidade coas especificacións declaradas.

Ademais, a xornada permitiu analizar aspectos vinculados á declaración de prestacións, á etiquetaxe de produto e aos diferentes esquemas de certificación de biomasa sostible, así como aos principais selos e marcas de calidade presentes no mercado.

A sesión enmarcouse dentro do Módulo 2 do programa formativo impulsado polo Clúster, orientado a ofrecer ferramentas prácticas e coñecementos especializados que permitan ás empresas adaptarse aos novos retos normativos e ás esixencias de sustentabilidade e trazabilidade do mercado actual.

Esta iniciativa conta co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e forma parte da aposta do Clúster da Biomasa de Galicia pola capacitación técnica, a profesionalización e a mellora da competitividade do sector.