O Clúster da Biomasa de Galicia celebrou a Sesión 3 do Programa de Dixitalización, dedicada á automatización de procesos loxísticos mediante intelixencia artificial, unha temática clave para mellorar a eficiencia operativa e a competitividade das empresas do sector da biomasa.
Esta sesión formativa enmárcase no programa Intelixencia Artificial aplicada á empresa e tivo como obxectivo mostrar como a IA pode empregarse para optimizar procesos reais relacionados coa xestión loxística, desde a automatización documental ata o seguimento de pedidos, o control de stock e a xeración de informes.
Ao longo da xornada abordáronse os conceptos fundamentais da automatización de procesos, explicando como deseñar fluxos de traballo eficientes baseados en eventos, regras e accións, así como o papel dos datos e das integracións entre sistemas. As persoas participantes coñeceron tamén distintas ferramentas accesibles, tanto no-code como low-code, que permiten implantar solucións de automatización sen necesidade de grandes investimentos tecnolóxicos.
A sesión combinou contidos teóricos con demostracións prácticas e casos de uso aplicados á industria, incluíndo exemplos de automatización documental con OCR e IA, monitorización de stock, seguimento loxístico e apoio á toma de decisións baseada en datos. A xornada pechouse cun exercicio práctico no que se traballou o deseño dunha automatización adaptada á realidade das empresas do sector da biomasa.
Esta acción formativa está cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal e forma parte do compromiso do Clúster por acompañar ás empresas na súa transformación dixital, promovendo o uso da intelixencia artificial como ferramenta para mellorar a eficiencia, a competitividade e a capacidade de adaptación do sector.








