O Clúster da Biomasa de Galicia estivo presente no encontro institucional “Unión pola Formación Profesional”, celebrado recentemente coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. O evento, impulsado pola Xunta de Galicia, buscou renovar o compromiso conxunto entre administracións, centros educativos, empresas e cidadanía para consolidar un modelo de FP Dual útil, moderno e conectado coas necesidades reais do mercado laboral.
Durante a xornada, puxéronse en valor as empresas que apoian a FP Dual como motor económico e social de Galicia. Neste contexto, o Clúster da Biomasa de Galicia reafirma o seu compromiso coa formación e coa colaboración público-privada como pía angular para impulsar o talento e a empregabilidade no sector forestal e bioenerxético.
Un dos momentos destacados do acto foi a sinatura dun acordo entre a Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para reforzar o papel da FP Dual mediante a creación do selo “Empresa Comprometida coa FP Dual”. Este distintivo outorgará ás entidades recoñecidas vantaxes como procedementos administrativos preferentes, beneficios en contratación pública, acceso prioritario a programas de innovación e recoñecemento institucional.
A FP galega, que conta con máis de 69.000 alumnos matriculados este curso, continúa a crecer como vía de formación de prestixio e elevada inserción laboral. O modelo galego, recoñecido a nivel estatal, destaca pola súa flexibilidade, innovación e adaptación ao territorio, chegando a todas as realidades da comunidade e contribuíndo activamente á formación dunha Galicia con máis oportunidades e futuro.
Máis información: https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/013859/rueda-destaca-las-empresas-que-apoyan-dual-como-motor-social-economico


