Unha representación de empresas do Clúster da Biomasa de Galicia, encabezada polo presidente e a vicepresidenta do Clúster, realizou recentemente unha visita técnica á Universidade da Coruña, co obxectivo de coñecer de primeira man as capacidades de investigación e transferencia de coñecemento dos seus centros.
Durante a visita, as persoas participantes tiveron ocasión de coñecer os equipos de investigación do CITEEC, que traballan no desenvolvemento de materiais de construción sostibles e en aplicacións hidráulicas, así como distintas liñas de investigación centradas no aproveitamento da biomasa, incluíndo o uso de cinzas de biomasa ou bioaceites e as súas posibles aplicacións industriais.
Ao longo da xornada tamén se presentaron as capacidades e posibilidades de transferencia de coñecemento doutros centros de investigación da propia UDC, como o CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), o CITIC (Centro de Investigación TIC) e o CITENI, abrindo novas oportunidades de colaboración en ámbitos tecnolóxicos complementarios ao sector da biomasa.
A organización e xestión da visita estivo a cargo da Oficina de Transferencia de Coñecemento da UDC, coa que o Clúster da Biomasa de Galicia iniciou un primeiro contacto de colaboración co fin de explorar sinerxías, identificar intereses comúns e analizar posibles liñas de traballo conxuntas entre o ámbito investigador e o tecido empresarial.
Desde o Clúster da Biomasa de Galicia valórase moi positivamente este encontro, que reforza a aposta pola innovación, a transferencia de coñecemento e a cooperación entre empresas e centros de investigación, como elementos clave para o desenvolvemento de novas solucións sostibles e aplicables ao sector da biomasa.















