A entidade busca ampliar a súa rede e incorporar novos axentes da cadea de valor da biomasa interesados en cooperar, innovar e impulsar novas oportunidades para o sector en Galicia
O Clúster da Biomasa de Galicia continúa traballando no fortalecemento e vertebración do sector e abre as súas portas á incorporación de novas empresas e entidades interesadas en formar parte dunha rede que promove a cooperación, a innovación e a competitividade arredor da biomasa en Galicia.
Baixo a idea «Facemos sector. Xuntos.», o Clúster quere seguir ampliando un ecosistema no que empresas, entidades e profesionais poidan compartir coñecemento, identificar oportunidades de colaboración e abordar de maneira conxunta os retos presentes e futuros da cadea de valor.
A biomasa constitúe unha actividade cunha importante vinculación co territorio galego. Ao seu redor conflúen o sector forestal, a industria, a produción e distribución de biocombustibles, a fabricación e instalación de equipamentos, a enxeñaría, a investigación, a innovación ou os servizos especializados, entre outros ámbitos.
Neste contexto, o Clúster traballa como punto de encontro entre os diferentes axentes, favorecendo a creación de relacións e sinerxías que permitan avanzar cara a un sector cada vez máis competitivo, innovador e conectado.
Unha rede para cooperar e xerar novas oportunidades
Formar parte do Clúster da Biomasa de Galicia permite ás entidades integrarse nunha rede profesional especializada e acceder a diferentes oportunidades vinculadas ao desenvolvemento do sector.
Entre as principais vantaxes da adhesión atópanse o acceso a unha rede de profesionais, a participación en formacións e actividades especializadas, a colaboración en proxectos estratéxicos, o aproveitamento de sinerxías entre os seus membros, o contacto coas Administracións Públicas e o fortalecemento da competitividade e visibilidade das entidades integrantes.
A cooperación ocupa, deste xeito, un papel central na actividade do Clúster. A posta en común de capacidades, coñecemento e necesidades facilita a identificación de intereses compartidos e pode favorecer o desenvolvemento de novas iniciativas e proxectos colaborativos.
Un Clúster aberto aos diferentes axentes da cadea de valor
O obxectivo é continuar incorporando capacidades e coñecemento ao ecosistema, favorecendo unha representación cada vez máis ampla dos diferentes ámbitos relacionados coa biomasa en Galicia.
A incorporación de novos socios permite, ademais, reforzar a capacidade colectiva do sector para abordar retos relacionados coa innovación, a dixitalización, a sustentabilidade, a competitividade empresarial, a formación ou a xeración de novas oportunidades de negocio.
Porque detrás da biomasa hai enerxía, pero tamén industria, monte, innovación, emprego, economía local e territorio.
Como formar parte do Clúster da Biomasa de Galicia?
As empresas e entidades interesadas poden iniciar o proceso de adhesión a través da páxina web do Clúster.
O procedemento contempla a presentación da solicitude e documentación correspondente, a revisión dos requisitos por parte do equipo do Clúster, a formalización da adhesión e, finalmente, a incorporación da entidade á rede.
Coñece as vantaxes e solicita a adhesión ao Clúster da Biomasa de Galicia


