O presidente da entidade, Francisco Álvarez, destaca que “a nosa comunidade ten que facerse forte coas enerxías que temos aquí”
O Clúster da Biomasa de Galicia defende a necesidade de impulsar a demanda deste recurso nos fogares e nas empresas
A asociación empresarial está presente en Enerxética 2022, a feira da
Enerxía de Galicia que se celebra en Silleda
Silleda (Pontevedra), 4 de febreiro de 2022. “Galicia ten que facerse forte coa biomasa, é dicir, cos recursos forestais e naturais que temos na nosa comunidade; deste xeito evitaremos a dependencia
enerxética de países terceiros”. Son palabras do presidente do Clúster da Biomasa de Galicia, Francisco Álvarez, en Enerxética 2022, o foro de análise sobre o papel da enerxía e que se desenvolve estes días na localidade pontevedresa de Silleda. Neste sentido, Álvarez sostén que dende o Clúster traballan para aumentar a demanda por parte da industria e tamén dos fogares.
Francisco Álvarez asegura que a biomasa é unha forma de aforro e que vai contribuir a lograr a transición enerxética. Por outra parte, o presidente do Clúster da Biomasa afirma que “apostar por este sistema enerxético é o que nos vai permitir cumprir cos obxectivos que nos marca Europa”.
Dende o Clúster aseguran tamén que os usuarios da biomasa poden ter un acceso inmediato a este recurso; xa que as empresas do sector distribúen o material a calquera punto da xeografía galega en menos de 24 horas. A día de hoxe Galicia é un referente do sector da biomasa en España. Máis da metade produción de madeira procede da nosa comunidade.
Máis formación e captar novos talentos
O Clúster da Biomasa de Galicia traballa nestes intres no desenvolvemento do Plan Estratéxico do sector co apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Por outra parte, a entidade está colaborando co Goberno galego na posta en marcha da Estratexia da Biomasa de Galicia 2022-2027. Para avanzar nesta folla de ruta, o Clúster traballa da man da Axencia
Galega da Industria Forestal (XERA) e do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).
Este labor conxunto pretende conseguir o impulso da innovación e da dixitalización do sector. Por outra parte, os retos nos que se está traballando son a actualización da formación dos recén licenciados e dos módulos de formación profesional vinculados coa biomasa.
Máis información:
Noelia Fernández
610 17 43 88
comunicacion@eosa.com