O Clúster da Biomasa de Galicia reuniuse esta semana con representantes da administración autonómica e dos desenvolvedores da aplicación FORTRA, coa finalidade de avaliar as posibilidades desta ferramenta tecnolóxica para a mellora da xestión e trazabilidade no sector da biomasa.
Na sesión de traballo participaron representantes da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a empresa desenvolvedora Nunegal e varias empresas socias do Clúster da Biomasa. O encontro tivo lugar nun ambiente colaborativo e técnico, centrado en identificar as funcionalidades actuais da plataforma e posibles adaptacións específicas para as necesidades da cadea de valor da biomasa forestal.
A ferramenta FORTRA, promovida pola administración autonómica, está deseñada para mellorar o control, a transparencia e a eficiencia nos procesos vinculados á xestión forestal, incluíndo aspectos como a localización e seguimento de operacións no monte, rexistro de cortas, transporte de madeira ou trazabilidade dos produtos forestais.
Desde o Clúster da Biomasa valórase moi positivamente esta primeira toma de contacto, que permite avanzar cara a unha dixitalización real e efectiva do sector, aliñada co obxectivo común de mellorar a sustentabilidade, a profesionalización e a competitividade da industria forestal galega.


