O Clúster Biomasa de Galicia participa no Comité Organizador das Feiras Enerxética e ExpoMunicipal 2026

O Clúster Biomasa de Galicia estivo presente hoxe na reunión do Comité Organizador de Enerxética e ExpoMunicipal 2026, a doble cita ferial dos sectores enerxético e municipal que terá lugar do 25 ao 27 de marzo de 2026 na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda.

Neste encontro, no que participaron máis de 30 empresas, clústers, asociacións e entidades da Xunta, analizáronse os bos resultados da última edición e avanzouse na planificación da vindeira convocatoria, que volverá reunir ás principais firmas e entidades de referencia en enerxía e servizos municipais.

Como entidade clave na promoción da biomasa como fonte de enerxía sostible, o Clúster Biomasa de Galicia reafirmou o seu compromiso con este evento como un espazo estratéxico para dar visibilidade ás solucións baseadas na biomasa e fomentar o diálogo entre administracións, empresas e profesionais do sector.

A reunión estivo presidida polos directores xerais de Administración Local, Natalia Prieto, e de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, acompañados por representantes de diversas organizacións e compañías líderes en enerxía e servizos municipais.

Enerxética e ExpoMunicipal 2026 prevé converterse nun escaparate de referencia para o sector, con expositores e visitantes de toda España e Portugal. Desde o Clúster Biomasa de Galicia continuaremos traballando para achegar as vantaxes da biomasa e fortalecer a súa presenza nesta cita imprescindible para o futuro enerxético e sostible de Galicia.