O Clúster Biomasa de Galicia organiza unha xornada sobre redes de calor e comunidades enerxéticas en Santiago de Compostela

O evento terá lugar o 2 de decembro na Cidade da Cultura e contará coa participación de institucións, concellos e expertos do sector enerxético

O Clúster Biomasa de Galicia celebrará o vindeiro 2 de decembro os “Encontros Enerxéticos: Redes de Calor e Comunidades Enerxéticas baseadas en Biomasa”, unha xornada técnica e institucional que reunirá a profesionais, representantes municipais e expertos do sector enerxético galego na Sala de Eventos do Edificio Fontán, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

A cita, que comezará ás 15:00 horas, ten como obxectivo analizar o potencial das redes de calor con biomasa como solución enerxética sostible e local para os municipios galegos, así como explorar o desenvolvemento de comunidades enerxéticas baseadas en recursos renovables autóctonos.

A xornada arrancará coa apertura institucional a cargo do presidente do Clúster Biomasa de Galicia e a intervención dun representante do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), colaborador do evento, quen establecerá o contexto dos retos e oportunidades que presentan estes encontros.

Ás 15:30 horas, Diego Fernández Suárez, de Emisióncero Energías Renovables, impartirá unha ponencia sobre o funcionamento das redes de calor con biomasa, abordando aspectos técnicos, sociais e medioambientais, así como a viabilidade económica dos proxectos.

Mesas redondas con expertos e institucións

Ás 16:00 horas terá lugar a primeira mesa redonda, moderada por un representante da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), baixo o título “Que precisan os municipios para impulsar redes de calor en Galicia”. Participarán representantes do INEGA, Miguel Negral Fernández, xefe do servizo de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Diego Quiñoy Peña, de EnergyLab (agora Centro Tecnológico Nacional ITG), e Iago Piñeiro Somoza, de Foresga.

Ás 16:45 horas, a segunda mesa redonda, moderada por un membro da xunta directiva do Clúster Biomasa de Galicia, centrarse en “Biomasa e enerxía local. Construíndo Comunidades Enerxéticas en Galicia”, con intervencións de David Río González (Taller de Estrategias), Manuel Rodríguez López (Fundación RIA) e José Miguel Estévez (Taelpo).

A xornada clausurarase ás 17:30 horas.

Enerxía local e sostible para Galicia

Esta iniciativa do Clúster Biomasa de Galicia, en colaboración co INEGA, busca fomentar o debate sobre o aproveitamento dos recursos forestais galegos para a xeración de enerxía térmica de proximidade, contribuíndo á transición enerxética, á descarbonización e ao desenvolvemento económico das zonas rurais.

Consulta o programa nesta ligazón e inscríbete.