Nova convocatoria de axudas para proxectos de enerxías renovables de uso térmico

O Inega (Instituto Enerxético de Galicia) abre unha convocatoria de subvencións destinadas a apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables.

Estes proxectos deberán consistir en instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante biomasa. Ademais, tamén son subvencionables outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte de enerxía a xeotermia, a hidrotermia, a aerotermia ou a enerxía solar térmica.

Entre as persoas que poden optar a estas axudas atópanse as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para máis información podes consultar o DOG ou a sede electrónica da Xunta de Galicia.