A reunión permitiu presentar o ecosistema do sector e abordar liñas de cooperación orientadas á valorización da biomasa en Galicia
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro Arcos, mantivo un encontro con representantes da Xunta Directiva do Clúster da Biomasa de Galicia co obxectivo de analizar posibles vías de colaboración para mellorar o aproveitamento dos recursos forestais na comunidade.
Durante a reunión, o Clúster trasladou a súa estrutura e principais obxectivos, así como a realidade do ecosistema empresarial que integra o sector da biomasa en Galicia, composto por empresas e entidades que desenvolven a súa actividade ao longo de toda a cadea de valor.
No transcurso do encontro, puxéronse sobre a mesa diferentes liñas de traballo orientadas a reforzar o papel da biomasa como fonte de enerxía renovable representativa de Galicia, así como a impulsar iniciativas que fomenten a valorización e o aproveitamento das masas de frondosas da comunidade.
Así mesmo, abordáronse cuestións relacionadas coa mellora da xestión forestal, especialmente en áreas en situación de abandono, así como a necesidade de avanzar na axilización da tramitación de permisos de corta e na redución das dificultades asociadas á xestión de parcelas catastrais.
Ademais, tratáronse posibles medidas e iniciativas para fomentar a divulgación dos usos e das posibilidades da biomasa, co obxectivo de incrementar o coñecemento e a aceptación deste recurso tanto no ámbito empresarial como na sociedade en xeral.
Desde o Clúster da Biomasa de Galicia agradécese e valórase moi positivamente este tipo de encontros, que contribúen a afianzar as relacións entre o sector e a Administración pública, así como a avanzar en liñas de colaboración que reforcen o desenvolvemento do sector na comunidade.



