Máis de 80 profesionais participan nas accións formativas do Clúster da Biomasa de Galicia, consolidando o seu compromiso coa capacitación e a innovación no sector forestal

O Clúster da Biomasa de Galicia continúa impulsando a formación especializada como unha das súas liñas estratéxicas prioritarias para fortalecer a competitividade e a innovación no sector. A través do ciclo formativo posto en marcha en colaboración coa Asociación BIOECO2 e co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), máis de 80 profesionais xa participaron nas diferentes accións realizadas durante os anos 2024 e 2025.

Esta ampla participación demostra a boa acollida das iniciativas formativas por parte do sector, que valora positivamente a aposta por contidos actualizados, prácticos e orientados á realidade da industria forestal e da biomasa en Galicia.

As formacións desenvolvidas ata o momento abranguen ámbitos clave para o presente e o futuro do sector, tales como a dixitalización, a sustentabilidade, a innovación tecnolóxica e o liderado:

Ciclo de webinars sobre Intelixencia Artificial aplicada á Industria Forestal
Curso de certificación de leña e acha
Curso de QGIS e Lidar para a Industria Forestal
Formación en Sistemas Constructivos en Madeira aplicados ás Instalacións e Salas de Caldeiras de biomasa
Curso de Ferramentas de Transformación Dixital na Industria Forestal
Programa de Liderado e Xestión de Equipos

Estas accións formativas teñen como finalidade mellorar as capacidades profesionais ao longo de toda a cadea de valor, crear unha comunidade de coñecemento e apoiar a adaptación do sector aos novos retos globais en materia de eficiencia, transición enerxética e economía circular.

Dende o Clúster da Biomasa de Galicia seguiremos traballando para ofrecer novas oportunidades formativas que acompañen ás empresas e profesionais na súa evolución cara a un modelo máis sostible, dixital e competitivo.