- Sinala que en 2019 preto do 80% do mix enerxético de Galicia procedía de combustibles fósiles, contaminantes.
- O noso territorio ten un enorme potencial en biomasa térmica, a enerxía renovable que máis contribúe a mitigar o cambio climático.
- Desde a COP26 se aposta por esta e outras fontes de enerxía limpas para frear as emisións de CO2 e avanzar na descarbonización.
- Desde o Clúster expóñense casos de éxito no uso da biomasa como o do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, o Concello de Silleda, pemes e particulares.
- A biomasa é unha solución tecnolóxica moderna, de prezo estable e dispoñible de maneira inmediata que xera riqueza na contorna local.
Santiago, 05 de novembro de 2021.- A Conferencia de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, COP26, que se celebra estes días en Glasgow está a recoller diferentes compromisos para acabar co uso de combustibles fósiles e apostar por enerxías renovables para reducir as emisións de CO2.
Os combustibles fósiles (carbón, gasóleo e gas) son contaminantes e uns dos principais motivos do quecemento global polas emisións de gases de efecto invernadoiro que producen. Preto do 80% do mix enerxético de Galicia en 2019 procedía de combustibles fósiles, contaminantes.
Desde o Clúster Biomasa de Galicia lembran na Comunidade só o 6,5% da enerxía primaria total é biomasa ou biogás e que hai un enorme potencial de biomasa sen aproveitar. Ademais, inciden en que a xestión forestal axuda a mitigar as consecuencias do quecemento global e por iso avogan por promover o uso sostible da biomasa forestal, xa que é o combustible renovable número 1 para descarbonizar unha parte significativa da demanda actual de calefacción, electricidade e transporte para o 2050.
A bioenerxía contribúe á existencia de bosques sans e favorece a súa xestión sostible, polo que o uso da biomasa para obter enerxía asegura que os bosques sigan crecendo.
Casos de uso
O Clúster Biomasa de Galicia lanzou a campaña “A calor renovable” para incrementar a visibilidade real da biomasa e as súas vantaxes na loita contra a crise climática e a pobreza enerxética.
No marco destas actuacións, que contan co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través de XERA, a Axencia Galega da Industria Forestal, expóñense diferentes casos de uso nos que se optou pola biomasa para mellorar a súa eficiencia enerxética e que se poderán ver na canle de Youtube do Clúster.
No Hospital Público Álvaro Cunqueiro optouse pola biomasa de acha que no verán achega toda a enerxía necesaria para o mantemento do hospital e incorpora unha tecnoloxía que asegura o filtrado de partículas.
O concello de Caldas de Reis optou por un sistema de ACS de biomasa no Campo de fútbol municipal que lles permitiu un aforro do 50% en gasto de calefacción e auga quente, ademais de reducir as emisións de CO2.
Tamén o Concello de Silleda está a estender unha rede de calor de biomasa para abastecer de auga quente e calefacción a diferentes edificios públicos apostando polo que consideran unha enerxía máis barata e rendible que pon en valor os montes galegos.
A nivel empresarial a biomasa tamén é unha opción, nunha granxa porcina de Silleda destacan que agora contan cunha calor moi estable e desde un viveiro de Tomiño afirman que se o negocio crece serán tamén con biomasa tras comprobar as súas vantaxes.
A propietaria dunha vivenda en Moraña cunha caldeira de biomasa de pellet e carga a través de camión, destaca que é a solución máis económica, que só é necesario cargala unha vez ao ano. Nunha liña similar maniféstase a propietaria dunha vivenda unifamiliar en Cuntis. Neste caso a caldeira de biomasa de pellet cárgase con sacos e sinala que a relación calidade-prezo foi a mellor opción e que a almacenaxe dos pellets non require demasiado espazo.
50% de aforro fronte ao gas ou o gasóleo
Desde o sector lémbrase que temos que contribuír á transición enerxética, e a biomasa faia posible. Tamén lembran que o noso país é o terceiro de Europa por recursos absolutos de biomasa forestal só por detrás de Suecia e Finlandia e con todo España consome menos biomasa que a media europea.
En 2020 Finlandia xerou 142 días de consumo enerxético limpo proveniente da bioenerxía. A demanda de enerxía do noso país a través de bioenerxía só alcanzou a cubrir 28 días. Ocupamos a posición nº 22 dos 27 países da UE en uso de Bioenerxías.
O consumo de enerxía para usos térmicos no ano 2019 supuxo ao redor do 33 % do total do consumo de enerxía final. A electricidade supón menos da cuarta parte do consumo de enerxía final.
Desde o Clúster inciden na necesidade de cambiar o consumo de combustibles fósiles por enerxías renovables como a biomasa, que ademais supón un 50% de aforro con respecto ao gas ou ao gasóleo e moito máis se se compara co custo de quentarse con electricidade. Coa biomasa como solución térmica os consumidores e industria poden reducir rapidamente os seus custos enerxéticos.
A biomasa térmica está dispoñible en diferentes formatos e tecnoloxías como estufas de deseño; caldeiras eficientes e automatizadas ou redes de calor, que se adaptan ás necesidades e situacións. Por tanto, a biomasa térmica é hoxe unha solución tanto en proxectos de rehabilitación como en proxectos novos de vivenda sostible.
Solución sustentable e ilimitada
A biomasa térmica é unha solución sostible, está dispoñible xa e é ilimitada. Ademais, é autóctona, xa que se produce localmente e fomenta a creación de emprego na contorna. É renovable, neutra en CO2, circular porque provén principalmente de residuos e subproductos do bosque e outras industrias. Tamén é compatible coa infraestrutura enerxética existente e apoia ás enerxías renovables estacionais. Por último, ten un prezo estable e máis económico, o que permite loitar contra a pobreza enerxética.
Máis información:
Contacto para prensa:
Lidia Iglesias: liglesias@eosa.com